O peche estival das instalacións universitarias evitou a emisión á atmosfera de 53 toneladas de CO2

Entre os días 4 e 21 de agosto, todos os centros, dependencias e instalacións da Universidade de Vigo permaneceron pechados, coa excepción de servizos esenciais. Esta medida vénse aplicando dende o ano 2019, tanto na Semana Santa como no verán, co obxectivo de avanzar no compromiso da institución académica e do seu persoal coa sostibilidade e o cambio climático. En termos xerais, o peche destes 18 días, segundo os datos de consumo eléctrico, supuxo un aforro de 210MWh, o que equivale, por exemplo, ao 37% da enerxía eléctrica consumida pola Universidade durante todo o mes de maio ou o 30% da enerxía consumida durante todo o mes de febreiro. Este aforro supón a non emisión á atmosfera dunhas 53 toneladas de CO2.

Atendendo á distribución por campus, é o de Pontevedra o que rexistrou unha maior porcentaxe de aforro, do 66%. No campus de Ourense, a porcentaxe de aforro é do 46,8% e en Vigo do 34% fronte aos mesmos días do mes de febreiro.

Ler a noticia completa no DUVI