Charlas, obradoiros, visitas guiadas, exhibicións, obradoiros… A Universidade de Vigo celebrará do 18 ao 20 de xuño unha gran Xornada de Portas Abertas, XOU, tres días nos que a institución convida ao alumnado de ensino medio e ás súas familias a achegarse aos campus e coñecer máis de preto as diferentes escolas e facultades e a vida universitaria. Será o 18 no campus de Ourense, o 20 en Vigo e as persoas interesadas poderán achegarse sen necesidade de realizar ningún tipo de inscrición previa, salvo que se trate de grupos de máis de 15 integrantes.
“Esta é a primeira vez que nunha mesma semana e con carácter institucional os tres campus celebran xornadas de portas abertas”, explica a vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, quen apunta que en abril de 2015 xa se levara a cabo unha xornada de portas abertas institucional pero con todas as actividades centralizadas no campus de Vigo, e que houbo tamén experiencias previas en Ourense e Pontevedra, pero enmarcadas noutro tipo de actividades divulgativas.