A Universidade acaba de lanzar un novo programa de bolsas de mobilidade e faino co obxectivo de incentivar a participación do alumnado en proxectos de cooperación internacional para o desenvolvemento. Abertas á participación de estudantes tanto de grao como de mestrado, as persoas seleccionadas poderán realizar unha estadía de entre un e tres meses vinculada a un axente de cooperación nalgún dos máis de vinte países establecidos na convocatoria.
Trátase de que o alumanado poida integrar os coñecementos adquiridos ao longo da súa formación académica e contribuír como universitarios/as e cidadáns comprometidos cos retos globais contidos na Axenda 2030. As mobilidades deberán levarse a cabo entre o 1 de maio e o 31 de outubro, período que aproveitarán para realizar traballos que logo serán validados no seu Traballo de Fin de Carreira, prácticas ou traballos recoñecidos no marco da materia na que se realicen. Respecto ás temáticas estarán relacionadas coa Axenda 2030 e os ODS ou cooperación ao desenvolvemento, incluíndo cooperación financeira, axuda alimentaria e axuda humanitaria, principios e fundamentos xurídicos, política e xestión, cooperación e muller, dereitos humanos…