Mercedes Solla, investigadora Ramón y Cajal do grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas do Cintecx e docente da Escola de Enxeñaría de Minas e da Enerxía, é unha das gañadoras das 60 Becas Leonardo 2022 -de entre as preto de 900 solicitudes recibidas- que concede a Fundación BBVA destinadas a apoiar proxectos altamente innovadores en diferentes campos da ciencia e a cultura. Concedéuselle esta prestixiosa axuda, dotada con 40.000 euros, na Área de Enxeñerías e Tecnoloxías da Información polo proxecto Detección temperá da corrosión en formigón armado a partir de datos xeorradar e técnicas de aprendizaxe profundo.
“Esta axuda supón un importante recoñecemento e apoio económico ao meu traballo de investigación”, salienta a investigadora, quen recibiu a boa noticia en Lisboa, onde está levando a cabo unha estancia de investigación no Departamento de Transportes do Laboratório Nacional de Engenharia Civil (LNEC) cunha bolsa de mobilidade José Castillejo para desenvolver o proxecto Metodoloxías avanzadas de combinación de datos radar (GPR e InSAR) para a avaliación de infraestruturas críticas do transporte. Desde alí recoñece o “tremendo orgullo” que supón para ela “pasar a formar parte da prestixiosa Red Leonardo, o que sen dúbida contribuirá a aumentar a visibilidade e impacto das miñas investigacións”, recoñece Solla.