Presentado como un evento “cun público potencial de máis de 10.000 persoas”, a décima edición do Salón da Oferta de Educación e Formación de Galicia, Edugal, botou a andar este mércores no recinto feiral de Pontevedra reunindo máis de 50 expositores, entre os que a Universidade de Vigo ten un ano máis unha presenza destacada. No espazo destinado á institución académica, 17 facultades e escolas dos tres campus contan cun stand no que dan a coñecer os seus estudos e actividades. Así mesmo, a feira promovida pola Asociación de Empresarios da Pequena e Mediana Empresa de Pontevedra (Aempe) e a Concellería de Promoción Económica e Turismo conta tamén nesta edición cunha sala destinada a actividades promovidas por diferentes centros da UVigo.
“Dar visibilidade aos estudos universitarios” entre as e os estudantes de secundaria e bacharelato que nestes tres días visitan o recinto feiral, así como “orientalos sobre as materias e especialidades que teñen que cursar” en función do grao que queiran realizar despois, son dous dos obxectivos cos que a Universidade acode un ano máis a Edugal, como salienta a directora da Área de Captación de Alumnado, Susana Rodríguez Barcia. Con esa idea, no espazo da institución académica na feira que este mediodía inauguraba o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, combínase un posto de información xeral cos stands nos que 17 facultades e escolas están representados polo seu profesorado e alumnado.