A Facultade de Filoloxía e Tradución foi a pioneira e agora outros seis centros da Universidade de Vigo súmanse á lista dos que poden lucir o Distintivo de Igualdade, unha insignia e un recoñecemento deseñado e impulsado para promover, visibilizar e recoñecer, pública e institucionalmente, o esforzo de moitas persoas que na nosa universidade loitan día a día por investigar, ensinar, transferir, xestionar e producir coñecemento incorporando a mirada de xénero e feminista.
A posta en marcha o ano pasado desta distinción converteu á Universidade na primeira de España en contar cunha iniciativa coma esta, e este mesmo luns celebrouse o acto de entrega da segunda edición do Distintivo. Desta volta, no canto de escoller unha soa candidatura, como sucedera na convocatoria piloto, a Unidade de Igualdade mudou as bases para ampliar o recoñecemento a todos os centros que acreditasen unha puntuación determinada que depende do nivel actividades, iniciativas e prácticas que teñan como obxectivo impulsar a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes. Así, este luns recibiron os seus recoñecementos o CIM-Centro de Investigación Mariña, a Facultade de Educación e Traballo Social, a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, o Cinbio-Centro de Investigacións Biomédicas e a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, quedando clasificados por esta orde segundo a puntuación do xurado.