Transparencia institucional, comunicación pública, participación e colaboración, transparencia económica-financeira e contratación de servizos. Estes son o cinco eixes ou temáticas que avalía a plataforma colaborativa de transparencia Dyntra, que centra a súa actividade na medición e xestión do goberno aberto nas organizacións. No seu último ránking, publicado co gallo da Semana de la Administración Abierta de 2022, Dyntra sitúa a Universidade de Vigo como a primeira administración pública galega e a terceira universidade de España máis transparente. Ademais, a UVigo confírmase como a sexta administración pública de España en transparencia. “Valorámolo moi positivamente. A UVigo é un bo modelo a seguir por outras administracións con menos cultura de transparencia e rendemento de contas, un bo espello no que mirarse”, sinala a vicerreitora de Benestar, Equidade e Diversidade, Maribel Doval.
Neste ránking dinámico que elabora Dyntra, a UVigo estreábase en 2018 cumprindo un 62,88% dos indicadores. Pasados catro anos, nos que a institución académica viguesa ocupou habitualmente os tres primeiros postos, chegando incluso ao primeiro, na clasificación de universidades, a UVigo acada un 92,31% de cumprimento de 156 de 169 indicadores.“O incremento no número de indicadores avaliados, que pasaron dos 137 a 169, complica manterse nas primeiras posicións”, destaca Doval, que tamén pon de manifesto a importancia de dar máis impulso a estas cuestións, “que teñen moito que ver coa Responsabilidade Social e o goberno aberto, e coa nosa reputación. Que a UVigo sexa líder é unha mostra de que a transparencia é un dos valores estratéxicos na nosa universidade, algo no que temos escalado bastantes puntos porcentuais nos últimos anos”, confirma.