Os concursos de fotografía e de curtametraxes que organiza a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía téñense convertido xa nun clásico para o centro. A través deles búscase dar a coñecer as titulacións que se imparten na EEME e fomentar o uso sostible dos recursos minerais e enerxéticos, converténdose nun escaparate da profesión e un punto de encontro coa sociedade. Este xoves o vestíbulo da escola acolleu a entrega dos premios aos gañadores destes dous certames, un acto que contou coa presenza do subdirector de Relacións Exteriores e Mobilidade, Santiago Pozo, que foi o encargado de dar a coñecer as persoas gañadoras, que asistiron presencial ou virtualmente.
Pozo deu as grazas a todas e todos os participantes en ambos certames así como aos membros do xurado, composto polos profesores Teresa Rivas e David Patiño, a estudante Carmen Filgueiras, a PAS Mª del Carmen Romo e o profesional da imaxe Janite Lafuente, que destacaron o alto nivel das fotografías e das curtametraxes presentadas nesta edición.