A Universidade de Vigo acaba de pór en marcha unha nova edición do Programa de Retención de Talento Investigador, unha iniciativa dirixida á realización dun proceso selectivo para a contratación como persoal laboral temporal de investigadoras e investigadores doutores que teñan desenvolvido a súa actividade investigadora posdoutoral na Universidade de Vigo ao abeiro de diferentes programas competitivos internacionais, nacionais ou autonómicos.
Formalizaranse en total catro contratos de tres anos de duración –coa posibilidade de renovación por dous anos-, como persoal laboral temporal a tempo completo na modalidade de investigador/a distinguido e cunha remuneración bruta anual correspondente á da categoría de profesorado contratado doutor a tempo completo. As persoas contratadas impartirán un mínimo de 80 horas anuais de docencia e gozarán de plena capacidade investigadora, dándoselle a posibilidade de solicitar proxectos como investigadores ou investigadoras principais.