Complementando a serie de estudos de inserción laboral do antigo alumnado da UVigo, o Observatorio de Persoas Tituladas, co apoio do Consello Social, presentou este xoves un novo informe. O estudo centrouse, nesta ocasión, no impacto que tivo a primeira onda da pandemia no emprego das exalumnas e exalumnos da Universidade de Vigo, un estudo pormenorizado no que se dá conta dos principais resultados dunha enquisa realiza a 3217 persoas tituladas –de moi distintas titulacións e promocións desde 1990 ata a actualidade repartidas por todo o mundo – entre os días 25 de maio e 8 de xullo do pasado ano.
Na presentación do informe, realizada de xeito telemático a través de UVigoTv, o director do observatorio, o exreitor Luis Espada, estivo acompañado polo actual reitor, Manuel Reigosa, e o presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa . “Penso que este estudo é histórico e pioneiro dentro do sistema universitario galego e español e o seu contido pode servir de guía ou de norte para outras institucións que queiran levar a cabo un traballo similar”, salientou Espada nada máis arrancar unha presentación na que, o que fora primeiro reitor da Universidade de Vigo, foi debullando un a un os principais resultados dun informe de 572 páxinas -nas que se inclúen 155 anexos e 231 táboas-, que foi redactado por Luis Espada e Víctor Manuel Martínez Cacharrón entre os meses de setembro e outubro de 2020 e que agora pode consultarse de xeito íntegro na web do observatorio.