Amosar as saídas profesionais relacionadas coa enxeñaría dos recursos mineiros e coa enxeñaría da enerxía e dar a coñecer a importancia e o impacto que estes sectores teñen na sociedade. Con estes obxectivos a EE de Minas e Enerxía puxo en marcha hai varios anos unha serie de concursos abertos á sociedade que buscan proxectar tanto as titulacións que se imparten no centro como concienciar sobre a importancia de facer un emprego sostible dos recursos minerais e enerxéticos respectando o medio ambiente. En total son seis certames que abranguen tanto o campo da fotografía ou o audiovisual como a construción de maquetas, así como un concurso de improvisación oral e outro sobre o papel da muller nestas profesións.