En marzo de 2018 botaba a andar o proxecto Inmena, unha iniciativa que se insire na convocatoria Conecta Peme da Xunta de Galicia e que ten como obxectivo mellorar a xestión enerxética dos edificios. Agora, tras ano e medio de traballo os catro membros do consorcio (as empresas DiagnóstiQA, coordinadora, Insega e Proyestegal e a Universidade de Vigo) reuníronse no campus vigués para analizar e debater sobre os avances técnicos do proxecto.
O obxectivo de Inmena é desenvolver ferramentas de alta automatización que posibiliten unha xestión enerxética activa das demandas das edificacións tendo en conta os seus usos e favorecendo, ao mesmo tempo, un equilibrio entre confort-calidade en interiores e consumo enerxético de todas as instalacións dun edificio. A importancia deste tipo de medidas radica en que “se estima que o 40% da enerxía mundial se consume nos edificios urbanos e aproximadamente o 40% destes son edificios comerciais”. É por este motivo polo que a Unión Europea se marcou como obxectivo mellorar nun 27% a eficiencia, xa que o 75 % do parque de vivendas da UE é ineficiente dende o punto de vista enerxético.
Ler a noticia completa no DUVI