Benvidas e benvidos á Universidade!

Con moitas ganas de coñecer a Universidade e a compañeiras e compañeiros de estudos. Con estes dous desexos na mochila, o alumnado de novo ingreso que este curso académico 2019/2020 comeza a formarse nas diferentes facultades e escolas do campus de Ourense achegouse este mércores á xornada de benvida organizada para eles pola institución académica. Nunha cita na que se mesturou a información coa diversión, alumnas e alumnos de primeiro curso puideron rachar o xeo e comezar a súa vida universitaria nun ambiente distendido.

“Esta é unha xornada de benvida para que os novos estudantes vexan todo o que lles ofrece a Universidade, que é estudar pero tamén coñecer xente, relacionarse, facer deporte, gozar da cultura e do ocio…”, explicou Natalia Caparrini, vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria da Universidade de Vigo. A idea de organizar esta actividade, detallou a súa responsable, xurdiu co obxectivo de que o alumnado puidese coñecer de xeito conxunto os servizos e instalacións da institución académica. “Como é o primeiro día deste alumnado na universidade a xornada tamén ten un carácter lúdico xa que queremos que comecen con ganas e ilusión a súa vida universitaria”, apuntou a vicerreitora, que lembrou como esta xornada de benvida repetirase no campus de Pontevedra este xoves, día 5 de setembro, e no campus de Vigo o venres, día 6.

Ler a noticia completa no DUVI