Información e diversión no primeiro contacto coa Universidade

O evento reuniu postos informativos dos diferentes servizos da institución académica

Achegar ao alumnado que neste curso 2019/2020 se incorpora á Universidade de Vigo información dos diferentes servizos que a institución académica pon a súa disposición, e facelo dun xeito lúdico, con música, demostracións ou xeados. Ese é o eixo das xornadas de benvida que, nestes días previos ao inicio do curso, a Universidade promove nos tres campus. Este xoves, a iniciativa desenvolveuse ao longo de toda a mañá no pontevedrés, onde varios centos de estudantes viviron a súa primeira toma de contacto cos múltiples servizos e actividades que a institución académica pon ao seu dispor a través dos 18 postos informativos instalados entre as facultades de Ciencias da Educación e do Deporte e Fisioterapia.

“A idea destas xornadas é, en primeiro lugar, dar a benvida a todos os alumnos que entran na Universidade dunha forma agarimosa, chea de información e chea de boas vibracións”, salientou o vicerreitor do campus, Jorge Soto, respecto dunha iniciativa dirixida principalmente ao estudantado de primeiro curso, co obxectivo de que “se sintan como na casa”. O seu propósito é que estes alumnos e alumnas de novo ingreso “coñezan o primeiro día todos os servizos que lle ofrece a Universidade”, engadiu a vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, que destacou a “moi boa acollida” que están a recibir unhas xornadas que este mércores se desenvolveron en Ourense e que mañá venres celebraranse no campus de Vigo.

Ler a noticia completa no DUVI