Comeza a conta atrás para a botadura do 1º barco solar da Universidade de Vigo, o Boeiro I

A previsión é que sexa a finais de mes e que se estree nunha competición en Mónaco no mes de xullo

Finais de marzo. Esta é data que teñen en mente as alumnas e alumnos da asociación CES-UVigo para a botadura do que será o primeiro barco solar da Universidade de Vigo, unha proba de fogo para un proxecto nacido hai apenas dous anos da man dun grupo de estudantes da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación que, guiados polo fundador da empresa Marine Instruments, Francisco Pino, puxeron en marcha un proxecto ilusionante: a construción dun trimarán propulsado unicamente con enerxía solar. O barco é xa unha realidade e acaban de bautizalo como Boeiro I, illote menor do arquipélago das Cíes, illas que, dalgún xeito, xa estaban presentes no propio nome do equipo, CES, acrónimo de Clean Energy Ship, que pronunciado en inglés recorda ás illas da costa viguesa. “Quixemos continuar con esa liña que establecemos desde o principio e levar sempre presente a nosa terra”, explica a líder do equipo, Lorena Gil, estudante do Máster en Enxeñaría de Telecomunicación e cabeza visible dun equipo composto na actualidade por 13 alumnas e alumnos das tres escolas de enxeñaría do campus de Vigo: Enxeñaría de Telecomunicación, Enxeñaría Industrial e Enxeñaría de Minas e Enerxía.

Por diante quédanlle aínda unhas semanas de intenso traballo nas que se centrarán na fabricación da cuberta sobre a que irán os paneis solares. O obxectivo é facer un primeiro test do funcionamento da embarcación e facelo coa marxe temporal suficiente para que a embarcación chegue a xullo, data fixada para a súa estrea nunha competición internacional en Mónaco, en condicións óptimas. “Contamos con ter rematado a finais de mes e facer xa a botadura para poder probar os sistemas fabricados ata agora e comezar o proceso de mellora e optimización”, explica a responsable do equipo, ao que engade que “a idea é detectar con marxe de tempo os posibles puntos de mellora e alcanzar o maior rendemento en termos de potencia, eficiencia e velocidade”.

Ler a nova completa no DUVI.