Máster Universitario en Xestión Sostible da auga

O Máster Interuniversitario en Xestión Sostible da Auga enmárcase dentro do catálogo de novas titulacións G2030 do Sistema Universitario de Galicia (SUG), identificadas como indispensables para a formación de perfís profesionais de futuro que permitan dar resposta ás necesidades e esixencias sociais e laborais dos próximos anos e situar á sociedade galega nunha mellor posición para afrontar os seus retos de futuro.

A auga é un recurso finito esencial para o desenvolvemento económico, a saúde e o benestar do ser humano. A nivel global, factores como: (i) a presión demográfica, (ii) o desenvolvemento económico asociado ás demandas crecentes da agricultura, a industria e a enerxía, (iii) a urbanización, (iv) as transformacións nos estilos de vida e os patróns de consumo, ou (v) o cambio climático e a degradación medioambiental, están a pór en grave perigo a súa dispoñibilidade futura. O papel preponderante da auga no crecemento económico e a sustentabilidade medioambiental está a converter a este elemento no eixo central dos maiores retos mundiais de futuro e nunha das principais preocupacións da sociedade e os gobernos. Nos próximos anos, aspectos como o aforro, a desalinización da auga do mar, a captación e a almacenaxe da auga pluvial, a reutilización da auga e a descontaminación dos acuíferos unidos a unha axeitada planificación hídrica e ao uso das novas tecnoloxías para a análise integrada de datos e a mellora do procesamento da auga serán críticos para desenvolver unha xestión sostible deste recurso, aliñada, entre outros, coas esixencias do Directiva Marco da auga e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).

Os egresados deste mestrado poderán facer fronte a estes restos desenvolvendo a súa carreira como técnicos, responsables ou expertos en xestión da auga en empresas de xestión, abastecemento, tratamento e valorización da auga, estacións depuradoras, laboratorios de análise da auga, organismos públicos e outras organizacións con competencias en augas, empresas de enxeñaría e consultoría ambiental, departamentos de medio ambiente do sector produtivo, centros de I+D+i na área de recursos hídricos, institucións educativas, etc.

O Máster Interuniversitario en Xestión Sostible da auga preséntase como un mestrado oficial conxunto impartido pola ETS de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos de A Coruña (UDC), a ETS de Enxeñaría de Santiago (USC) e a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía de Vigo (UVIGO). O programa de estudos consta de 90 ECTS a desenvolver en tres cuadrimestres. Os contidos formativos están organizados en 6 módulos temáticos:

  • Módulo 1: Gobernanza da auga. 9 ECTS
  • Módulo 2: Auga Urbana. 9 ECTS
  • Módulo 3: Enxeñaría de procesos. 12 ECTS
  • Módulo 4: Xestión dos Recursos Hídricos. 21 ECTS
  • Módulo 5: Análise de Datos. 9 ECTS
  • Módulo 6: Prácticas Externas e Traballo Fin de Máster. 12 + 18 ECTS

Máster Universitario en Xestión Sostible da auga pola Universidade de A Coruña, Universidade de Santiago de Compostela e Universidade de Vigo

Ámbito de coñecemento: Arquitectura, construción, edificación e urbanismo e enxeñaría civil

Centro onde se imparte: Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía

Tipo de ensino: Presencial. Debido ao seu carácter interuniversitario, a actividade docente terá lugar nun centro e ao mesmo tempo de forma virtual noutro. As universidades participantes porán medios a disposición dos alumnos para que o ensino sexa estritamente presencial cando isto sexa necesario (docencia de carácter práctico/experimental).

Núm. de prazas de novo ingreso ofertadas: 10 prazas por cada unha das universidades

Idiomas nos que se imparte o título: Galego e Castelán

Núm. de créditos ECTS: 90 (36 Obrigatorios / 24 Optativos / 12 Prácticas / 18 TFM)

Coordinador/a do título: María Araújo Fernández

Contacto: maraujo@uvigo.gal

Requisitos de acceso
Os estudantes que queiran ser admitidos no título deberán estar en posesión dun Grao Universitario ou titulación equivalente. Este mestrado está dirixido principalmente a profesionais do ámbito da xestión da auga e a titulados da rama de enxeñaría e de ciencias que queiran desenvolver laboralmente neste campo. Será necesario acreditar un nivel B1 ou equivalente de inglés.

Admisión en estudos de mestrado
Consulta o documento sobre a admisión de estudantes

Información de Apoio ao Estudante
Toda a información no apartado Orientación ao estudantado

Matrícula
Nas aplicacións (e os prazos) de matrícula estipulados por cada unha das tres universidades implicadas.
Máis información no apartado Matrícula

As prácticas en empresa facilitan a preparación para o exercicio profesional do estudiantado e promoven o desenvolvemento académico e o acceso ao mercado laboral.

Neste máster as prácticas externas son actividades académicas integradas como materias do plan de estudos (12 ECTS), polo que teñen carácter curricular.

Colabora:

Logo aqualia

 

Memoria do titulo Tríptico Presentación