Este glosario, elaborado por Iria Feijóo Vázquez, Silvia Gómez Barreiro, Mª Carmen Pérez Pérez –docentes da Área de Ciencia de Materiais e Enxeñaría Metalúrxica– e Raquel Pérez Orozco –enlace de Galeguización– xorde como ferramenta de apoio para o estudantado preuniversitario que se inicia na ciencia e tecnoloxía de materiais, especialmente en titulacións de enxeñaría. Ante a terminoloxía específica e ampla desta disciplina, o recurso pretende facilitar a familiarización cos termos máis relevantes, favorecendo unha aprendizaxe máis autónoma e unha base conceptual sólida.
Segundo os autores, o material non substitúe os manuais principais, senón que os complementa con definicións concisas e rigorosas para aclarar conceptos clave e mellorar a comprensión global da materia. Foi elaborado por persoal docente da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, en particular da Área de Ciencia de Materiais e Enxeñaría Metalúrxica, co gallo das Letras Galegas 2026. Nace da convicción de que o galego é plenamente válido para a transmisión do coñecemento científico e técnico, e constitúe un recurso vivo, susceptible de ser ampliado e actualizado de forma continua.
O glosario estrutúrase en dez temas que percorren os contidos fundamentais da materia: introdución á ciencia e enxeñaría dos materiais, estruturas cristalinas e redes, imperfeccións cristalinas e difusión, ensaios e propiedades mecánicas, mecanismos de deformación, solidificación e transformacións en estado sólido, materiais metálicos, materiais cerámicos, materiais poliméricos e materiais compostos. Esta organización permite ao alumnado localizar rapidamente os termos asociados a cada bloque temático e establecer relacións entre eles.
Trátase, ademais, dun recurso vivo e susceptible de ser ampliado e actualizado de forma continua en función das necesidades docentes, da evolución dos contidos e das achegas que poidan xurdir no contexto académico. Deste modo, aspírase a que o glosario creza co tempo e se converta nunha ferramenta cada vez máis completa e útil para o alumnado e o profesorado, contribuíndo así á normalización do galego no ámbito científico-técnico da enxeñaría.
O Glosario presentouse durante o acto institucional da celebración do Día das Letras 2026, celebrado na EME, evento no que a propia Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía recibíu o distintivo Gal Ego que outorga a Universidade de Vigo para recoñecer o compromiso coa normalización do galego na docencia, a investigación e a xestión.
Facendo clic na imaxe descárgase o Glosario [PDF, 1,1MB]