Estudantes da EME reciben Premios Extraordinarios de Grao e Doutoramento

O martes 28 de xaneiro, no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, a Universidade de Vigo fixo a entrega dos Premios Extraordinarios de Grao, Mestrado e Doutoramento, co gallo da festividade de San Tomé de Aquino. Entre o estudantado premiado atópanse varios alumnos e alumnas da nosa Escola.

O leitmotiv do evento foi a excelencia a todos os niveis. O reitor no seu discurso asegurou  que a excelencia era o que se celebraba nese acto, dando os parabéns e as grazas ás persoas que elixiron a institución académica viguesa como lugar “no que facer agromar” o seu talento. Se alguén pode cambiar o mundo son, a xuízo do reitor, “estas persoas que hoxe reciben as súas insignias e medallas”.

As persoas da EME galardoadas

Foto de familia de todas as persoas premiadas

Nos premios dos graos (na foto superior), Cinthia Carou González recibíu o Premio Extraordinario do Grao en Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos (Plan en extinción), Abraham Novas Verd –Premio Extraordinario do Grao en Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos (Plan novo)–, Silvia Graña Roel –Premio Extraordinario do Grao en Enxeñaría da Enerxía (Plan en extinción)– e Xandre Costas Pérez –Premio Extraordinario do Grao en Enxeñaría da Enerxía (Plan novo)–.

 

Estudantado de doutoramento premiado

No que respecta aos do doutoramento, resultou recoñecido o traballo de Manuel Alejandro González Fernández coa súa tese “Stress-strain behaviour analysis of slate and intact and jointed granite lab samples deformational and strength parameters, scale effects and tentativemodels” dirixida polo doutor Leandro R. Alejano.