No caso de títulos académicos de Máster Universitario vinculados ao exercicio da profesión regulada de Enxeñeiro de Minas, a Orde CIN/310/2009 establece no Apartado 4.2 do Anexo (Condicións de acceso ao Mestrado) os seguintes requisitos:

“Apartado 4.2 Condicións de acceso ao Mestrado
4.2.1 Poderá acceder ao Mestrado que habilita para o exercicio da profesión de Enxeñeiro de Minas, quen adquirise previamente as competencias que se recollen no apartado 3 da Orde Ministerial pola que se establecen os requisitos para a verificación dos títulos universitarios oficiais que habiliten para o exercicio da profesión de Enxeñeiro Técnico de Minas e a súa formación estar de acordo coa que se establece no apartado 5 da antes citada Orde Ministerial.
4.2.2 Así mesmo, permitirase o acceso ao Mestrado cando, o título de grao do interesado, acredite cursar o módulo de formación básica e o módulo común á rama, aínda non cubrindo un bloque completo do módulo de tecnoloxía específica e si 48 créditos dos ofertados no conxunto dos bloques do devandito módulo dun título de grao que habilite para o exercicio de Enxeñeiro Técnico de Minas, de acordo coa referida Orde Ministerial.
4.2.3 Igualmente, poderá acceder a este Mestrado quen estea en posesión de calquera título de grao sen prexuízo de que neste caso se establezan os complementos de formación previa que se estimen necesarios.”

 

En aplicación do disposto na citada orde e contextualizando no ámbito da oferta formativa da Escola de Enxeñería de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo, cumpren os requisitos de acceso ao título os alumnos que acrediten estar en posesión dalgún dos seguintes títulos:

Graduado/a Universitario en Enxeñaría dos Recursos Enerxéticos e Mineiros pola Universidade de Vigo
Título autorizado como título vinculado ao exercicio da profesión regulada de Enxeñeiro/a Técnico de Minas, polo que se axusta ao disposto no epígrafe 4.2.1 da Orde CIN/310/2009.

Graduado/a Universitario en Enxeñaría da Enerxía pola Universidade de Vigo
Do conxunto de competencias que se traballan no título, un conxunto relevante das mesmas correspóndense coas establecidas como competencias de formación básica, común á rama de minas e da tecnoloxía específica “Recursos Enerxéticos, Combustibles e Explosivos” na Orde CIN/306//2009, de 9 de febreiro, pola que se establecen os requisitos para a verificación dos títulos universitarios oficiais que habiliten para o exercicio da profesión de Enxeñeiro Técnico de Minas. A intensidade con que se traballan no título estas competencias xustifica que devanditos egresados acrediten a formación académica adecuada para poder cursar con éxito, e sen necesidade de cursar complementos de formación, o Mestrado Universitario en Enxeñaría de Minas pola Universidade de Vigo.

Graduado/a Universitario dun título vinculado ao exercicio da profesión regulada de Enxeñeiro Técnico de Minas
No caso de estudantes que acrediten estar en posesión dun título de Grao Universitario autorizado como título vinculado ao exercicio da profesión regulada de Enxeñeiro/a Técnico de Minas, estes cumprirían os requisitos de acceso en aplicación do disposto no epígrafe 4.2.1 da Orde CIN/310/2009.

Enxeñeiro Técnicos de Minas, das diferentes especialidades (titulados LRU)
Enxeñeiro Técnico de Minas, Especialidade en Explotación de Minas, Especialidade en Instalacións Electromecánicas Mineiras, Enxeñeiro Técnico de Minas, Especialidade en Mineralurxia e Metalurxia, Enxeñeiro Técnico de Minas, Especialidade en Recursos Enerxéticos, Combustibles e Explosivos, Enxeñeiro Técnico de Minas, Especialidade en Sondaxes e Prospeccións Mineiras.

Outros Graduados/as Universitarios do ámbito tecnolóxico
Para o caso de estudantes que acrediten estar en posesión dun título de Grao Universitario do Sistema Universitario Español, non vinculado ao exercicio da profesión de Enxeñeiro/a Técnico de Minas, a Comisión Académica, co apoio e asesoramento dos servizos administrativos competentes, valorará en que medida o título de acceso axústase ou non ao disposto nos epígrafes 4.2.2 ou 4.2.3 da Orde CIN/310/2009.

En relación ao procedemento de admisión, este aplicarase a aqueles estudantes que cumpren os requisitos de acceso ao título. O órgano competente en relación ao procedemento de admisión é a Comisión Académica do Máster en aplicación do disposto pola normativa da universidade.

Para a admisión no Máster Universitario en Enxeñaría de Minas, identifícanse 3 tipos de colectivos

  • Colectivo A. Estudantes en posesión dun dos títulos seguintes:
    1. Graduado/a en Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos pola Universidade de Vigo
    2. Graduado/a en Enxeñaría da Enerxía pola Universidade de Vigo
  • Colectivo B. Estudantes en posesión dun título universitario vinculado ao exercicio da profesión regulada de Enxeñeiro/a Técnico de Minas (Graduado Universitario ou Enxeñeiro/a Técnico de Minas (diferentes especialidades)) expedido por outra Universidade do Sistema Universitario Español.
  • Colectivo C. Estudantes en posesión dun título universitario non vinculado ao exercicio da profesión de Enxeñeiro Técnico de Minas que cumpran os requisitos de acceso tras valoración por parte da Comisión Académica e os servizos administrativos.

A priorización dentro de cada colectivo realizarase por nota media do expediente académico. En caso de non cubrirse a cota dalgún dos colectivos, poderá completarse con estudantes do resto de colectivos. Tendo en conta da heteroxeneidade na formación académica previa dos colectivos de acceso a Comisión Académica do Máster establecerá, para cada colectivo de acceso, o currículo académico do “Módulo de Formación Avanzada en Tecnoloxías” do plan de estudos en base á formación previa do estudante. Ademais, no caso de estudantes do colectivo de acceso C, a Comisión Académica do Máster establecerá, en función da formación académica que acredite, o conxunto de créditos que o estudante debe cursar en concepto de complemento de formación.

Transferencia de créditos


A transferencia de créditos consiste na inclusión nos documentos académicos oficiais acreditativos das ensinanzas seguidas por cada estudante da totalidade dos créditos obtidos nos ensinos oficiais cursados con anterioridade, na mesma ou noutra universidade, que non conduzan á obtención dun título oficial.

A Universidade de Vigo transferirá ao expediente académico do seu estudantado, previo pedimento da persoa interesada, todos os créditos obtidos nas ensinanzas oficiais cursadas nesta universidade ou noutra universidade e reflectiranse no Suplemento Europeo ao Título.

 

Recoñecemento de créditos


O recoñecemento de créditos consiste na aceptación pola universidade dos créditos que, despois de obterse nuns ensinos oficiais, na mesma ou noutra universidade, son computados noutras distintas para os efectos da obtención dun título oficial. Así mesmo, poderán ser obxecto de recoñecemento os créditos cursados noutros ensinos superiores oficiais ou en ensinos universitarios conducentes á obtención doutros títulos, aos que se refire o artigo 34.1 da Lei Orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de Universidades.

 

Recoñecemento de créditos nas titulacións de mestrado

O recoñecemento de créditos nas titulacións oficiais de mestrado deberá respectar as seguintes regras básicas:

  • Serán obxecto de recoñecemento por materias, módulos e complementos formativos do programa dos estudos de mestrado calquera estudo universitario, perfil académico ou profesional coincidentes coas competencias e coñecementos que se impartan no mestrado así determinado mediante a correspondente resolución reitoral, de conformidade cos órganos académicos destes estudos.
  • Os módulos, materias e complementos de formación recoñecidos consideraranse superados a todos os efectos e figurarán no expediente do alumnado.
  • Só se poderán recoñecer estudos correspondentes aos segundos ciclos de ensinos conducentes ás titulacións de Licenciatura, Enxeñaría e Arquitectura ou a outros mestrados oficiais.

 

Recoñecementos de créditos por experiencia laboral e profesional e por títulos propios

De acordo co establecido no artigo 6 do Real decreto 1393/2007, do 29 de outubro, polo que se establece a ordenación dos ensinos universitarios oficiais, a experiencia laboral e profesional acreditada poderá ser tamén recoñecida en forma de créditos que computarán para os efectos da obtención dun título oficial, sempre que a devandita experiencia estea relacionada coas competencias inherentes ao antedito título.

O número de créditos que sexa obxecto de recoñecemento a partir da experiencia profesional ou laboral e de ensinos universitarios non oficiais non poderá ser superior, no seu conxunto, ao 15 por cento do total de créditos que constitúan o plan de estudos.

Non obstante o anterior, os créditos procedentes de títulos propios poderán, excepcionalmente, ser obxecto de recoñecemento nunha porcentaxe superior á sinalada no parágrafo anterior ou, de ser o caso, ser recoñecidos na súa totalidade sempre que o correspondente título propio sexa extinguido e substituído por un título oficial.

En todo caso, non poderán ser recoñecidos os créditos correspondentes aos traballos de fin de grao e mestrado.

 

21/03/2018 – Normativa de transferencia e recoñecemento de créditos da Universidade de Vigo

Información de Apoio ao Estudiante

Toda a información no apartado Orientación ao estudantado

Matrícula

Toda a información no apartado Matrícula