A Axenda 2030 para o desenvolvemento sostible estableceu tres obxectivos específicos relacionados co ámbito da enerxía: garantir o acceso universal a servizos enerxéticos accesibles, fiables e modernos, aumentar a proporción de fontes de enerxía renovables na matriz enerxética e duplicar a taxa global de mellora da eficiencia enerxética. Xa na actualidade, España é un referente mundial no uso de fontes de enerxía renovables con empresas que abastecen non só o mercado nacional, senón que dedican unha parte moi importante da produción aos mercados exteriores.

Neste contexto, os estudos de Enxeñaría da Enerxía responden aos numerosos e complexos retos tecnolóxicos que xorden no sector enerxético.


Descarga o folleto informativo do Grao en Enxeñaría da Enerxía

Para dar resposta a esta necesidade na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía impartimos o Grao en Enxeñaría da Enerxía, única titulación de grao en Galicia que forma especialistas neste ámbito.

Formamos enxeñeiros e enxeñeiras capaces de deseñar, optimizar e dirixir tecnicamente os procesos tecnolóxicos que van desde a xeración da enerxía até o nivel do usuario de enerxía térmica ou eléctrica (produción, almacenamento, transporte, distribución e mercados). E no contexto de descarbonización ten especial relevancia a formación en tecnoloxías de xeración de enerxías renovables e eficiencia enerxética, polo que actualizamos o plan de estudos. É ademais un sector en expansión e en particular a titulación de grao en enxeñaría da enerxía ten actualmente 100% de empregabilidade.

Polo tanto, a formación é necesariamente multidisciplinaria e cunha visión de conxunto, na que se teñen en conta, fundamentalmente, os aspectos técnicos e económicos, e se tratan cuestións relacionadas coa eficiencia enerxética, as tecnoloxías de produción de enerxía, facendo especial fincapé nas novas fontes de enerxía renovables, almacenamento, transporte e sistemas de distribución, mercados de enerxía etc. Todo isto co compromiso de respectar o medio ambiente e o crecemento sostible.