XXV Foro Tecnolóxico de Emprego

O Foro Tecnolóxico de Emprego celebra o seu primeiro cuarto de século os días 11 e 12 de marzo no campus de Vigo, coa participación de 51 empresas, superando con moito cifras de anos anteriores, converténdose na “feira de emprego máis grande de España organizada integramente por estudantes”.

O Foro naceu, e así segue sendo, como un evento creado polo estudantado para o estudantado. Está organizado por un equipo de estudantes das tres escolas de enxeñaría do campus de Vigo (EE Industrial, EE de Telecomunicación e EE de Minas e Enerxía).

A  organización reduciu, nesta edición, o número de conferencias e centrou os esforzos en “organizar workshops para que acheguen o máximo valor posible ao alumnado”. Tamén se recupera o formato de mesa redonda coa participación de responsables de recursos humanos de grandes empresas. 

O aumento das empresas participantes fai que se teña que ampliar espazos, instalándose os postos das compañías nos vestíbulos da EEI e da EEME, nos corredores da EEME e no segundo piso da EEI. As conferencias serán en aulas da EET e a mesa redonda no salón de actos da EEI. Os actos de inauguración e peche, no salón de actos da EET, de igual xeito que o speed recruiting.

Ademais, nestas dúas semanas previas á celebración do foro, están previstas varias actividades preparatorias abertas ao alumnado.

Desde esta ligazón accedese á web do Foro e ao seu programa de actividades.