Xornada da I Olimpíada da Enerxía
A Olimpíada da Enerxía é un proxecto de divulgación científica, organizado desde a Escola de Enxeñaría de Minas e da Enerxía e financiado pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), que ten como obxectivo principal ampliar o coñecemento e a comprensión da ciencia e tecnoloxía do alumnado preuniversitario de Galicia, traballando contidos de disciplinas STEM relacionadas co sector enerxético (recursos enerxéticos, xeración e distribución de enerxía, aproveitamento eficiente).
Preténdese non só incrementar os coñecementos e habilidades do alumnado, senón tamén espertar curiosidade e interese sobre os mesmos e informar e formar sobre a relevancia que ten o sector enerxético na calidade de vida das persoas. Como obxectivo secundario, búscase combater a desinformación no ámbito da ciencia e a tecnoloxía, dado que se identifica un descoñecemento importante sobre o papel que ten o sector enerxético na sociedade e as súas implicacións ambientais, sociais e económicas.
Quen pode participar?
Poderá participar na I Olimpíada da Enerxía o alumnado de Galicia que, durante o curso 2024-2025, estea matriculado en 4º de ESO, Bacharelato ou Ciclos Superiores de FP das familias profesionais “Enerxía e auga”, “Química”, “Electricidade e electrónica” e “Seguridade e medio ambiente”.
En canto á participación por centro establécense 2 categorías:
- Categoría I. Centros de ESO e/ou Bacharelato
- Categoría II. Centros de Ciclos Formativos Superior de Formación Profesional
Queda a criterio de cada centro educativo seleccionar o alumnado que participa nas diferentes probas. Ademais, atenderanse as seguintes regras:
- No caso das probas por equipo, o número mínimo é 3 persoas/equipo.
- O número máximo de participantes por centro que poden asistir ás probas que se celebran presencialmente o día da Xornada da Olimpíada é 6.
17 institutos de ESO, Bacharelato e FP de toda Galicia.
Participará alumnado de 4º da ESO, de Bacharelato e dos ciclos superiores de Formación Profesional de 17 institutos de toda Galicia.
Tras unha primeira parte, totalmente formativa que se vén desenvolvendo desde xaneiro e rematará en abril, a competición propiamente dita será o 9 de abril nas instalacións da Escola con un conxunto de seis probas: dúas obrigatorias para todos os centros educativos e outras dúas optativas, a escoller entre un conxunto de catro. As dúas probas obrigatorias son: unha individual teórica –exame tipo test ou de respostas curtas– e Mulleres enerxéticas, unha actividade na que os distintos equipos terán que elaborar un conxunto de fichas sobre o papel e/ou contribución das mulleres no sector enerxético, fichas coas que se fará unha pequena exposición o día da Xornada da Olimpíada.
As probas alternativas desenvolveranse tamén en equipo e inclúen a automatización e programación dun sistema de placa solar fotovoltaica con axuda dun kit Arduino; a exposición dun tema cos recursos e material que irán preparando ao longo destes meses; outra sobre as fake news e un debate no que defender e argumentar unha decisión sobre o tema proposto.