A Escola acolle o acto institucional do Día das Letras da Universidade de Vigo

O vindeiro luns 19 de maio, a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía acollerá o acto institucional do Día das Letras da Universidade de Vigo, no que actuará o dúo Pärbo –Anxo Pintos e Begoña Riobó–.

A apertura do evento vai a cargo do reitor da Universidade de Vigo e dunha intervención da vicerreitora de Extensión Universitaria. A seguir, presentarase o Glosario de ciencia e tecnoloxía dos materiais e a escritora Paula Carballeira falará de Begoña Caamaño, a figura homenaxeada este 17 de maio.

Haberá outro momento musical coa interpretación de «Xotas de Montrove e Carelle». Posteriormente, procederase á entrega dos Premios de poesía, relato curto e tradución 2026, con lectura de fragmentos dos textos gañadores. Farase tamén a entrega do distintivo de galeguización Gal Ego da Universidade de Vigo.

O acto pecharase coa intervención do reitor e coa interpretación do Himno.