O Máster Universitario en Enxeñaría de Minas pola Universidade de Vigo habilita para a profesión regulada de Enxeñeiro/a de Minas. Trátase dunha titulación única no Sistema Universitario de Galicia.

Ten como obxectivo formar profesionais para que adquiran as capacidades e habilidades necesarias en relación ao cálculo, simulación, deseño, xestión, análise e dirección técnica dos procesos tecnolóxicos vinculados á produción, transformación, almacenamento, transporte e uso das materias primas minerais e recursos enerxéticos, todo iso nun marco de sustentabilidade.

A mellor forma de coñecer a formación que proporciona este título académico é achegarse á profesión de Enxeñeiro/a de Minas, descubrir en que ámbitos se traballa e como se desenvolve a súa actividade profesional.

Por que enxeñeiros/as de minas?

No contexto actual de descarbonización da economía e transición enerxética é necesario prover á industria de materias primas minerais apropiadas (en cantidade e calidade) para fabricar as tecnoloxías asociadas ao sector enerxético e á dixitalización dos procesos industriais.

No Máster Universitario en Enxeñaría de Minas formamos enxeñeiros e enxeñeiras que coñecen os usos dos recursos minerais, os procesos tecnolóxicos asociados á procura, extracción e a súa transformación para obter as materias primas minerais necesarias para a industria. Formamos profesionais capaces de expor solucións compatibles co medioambiente e que coñecen as tecnoloxías de reciclaxe, renovación e reutilización de residuos mineiros e industriais.

Ademais, os seus coñecementos como especialistas en arranque e fragmentación mediante o uso de explosivos convértenos en profesionais especializados en todas as operacións que impliquen uso de explosivos, por exemplo execución de escavacións en obra civil e minería, tanto a ceo aberta como subterráneas e demolición de estruturas.

Trátase dunha titulación única en Galicia que habilita para profesión regulada cun alto grao de empleabilidad.

Perfil de ingreso recomendado

Este título concíbese como a continuación e especialización da formación de nivel de grao en enxeñaría de minas, materiais e enerxía. No que se refire a habilidades e aptitudes persoais, o perfil de ingreso recomendado é:

  1. Ter capacidade de análise e síntese
  2. Ser responsable
  3. Ter implicación e compromiso pola xestión sostible de recursos naturais
  4. Ter capacidade creativa e habilidades sociais para o traballo en equipo e interese polos procesos tecnolóxicos de vangarda.

Onde traballamos e que facemos?

Recursos mineiros

  • Procura e avaliación de xacementos mineiros.
  • Deseño de explotacións mineiras.
  • Estudos de Impacto Ambiental de explotacións mineiras.
  • Plans de Restauración de explotacións mineiras.
  • Dirección técnica de explotacións mineiras.
  • Deseño e dirección técnica de voaduras. Uso de explosivos en todas as aplicacións.
  • Xestión de residuos mineiros, de construción e demolición.
  • Estabilización, auscultación e drenaxe de ribazos, vertedoiros, túneles e obras subterráneas.
  • Prospección, captación, distribución e utilización de augas subterráneas.
  • Tecnoloxía e xestión integral da auga.
  • Depuración e desalinización.

Materiais

  • Procesos de fabricación de materiais (aceiro, formigón, materiais metálicos, plásticos, vidro, polímeros, novos materiais).
  • Procesos de reciclaxe.
  • Técnicas de conformado e unión.
  • Xestión da calidade de materiais.

Enerxía e combustibles

  • Petroquímica e carboquímica.
  • Xeración, transporte, distribución e utilización de enerxía térmica e eléctrica.
  • Enerxías renovables: fotovoltaica, solar, hidroeléctrica, xeotermia, eólica.
  • Centrais térmicas, nucleares.
  • Aforro, eficiencia e diversificación da enerxía.
  • Coxeneración.
  • Novas tecnoloxías enerxéticas: almacenamento, hidróxeno.