No contexto actual de descarbonización da economía é necesario prover á industria das materias primas necesarias para fabricar as tecnoloxías asociadas ás enerxías renovables, eficiciencia enerxética e dixitalización de procesos industriais.

No Grao en Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos formamos enxeñeiros e enxeñeiras que coñecen os usos dos recursos minerais, os procesos tecnolóxicos asociados á procura, extracción e a súa transformación para obter as materias primas necesarias para a industria. Formamos profesionais capaces de expor solucións compatibles co medioambiente e que coñecen as tecnoloxías de reciclaxe, renovación e reutilización de residuos mineiros e industriais. Trátase dunha titulación única en Galicia que habilita para profesión regulada cun alto grao de empregabilidade.

Na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía formamos profesionais con capacidade para deseñar, optimizar e implementar procesos tecnolóxicos considerados fundamentais dentro dun modelo de economía circular e transición enerxética:

  • Garantir o abastecemento de substancias minerais consideradas esenciais –definidas como materias primas críticas pola UE– para o desenvolvemento industrial e tecnolóxico das sociedades actuais (fabricación de microchips, microprocesadores e outros dispositivos electrónicos) e para a súa descarbonización (fabricación de baterías para vehículos eléctricos, células fotoeléctricas, LED e aeroxeradores, entre outros).
  • Achegar solucións tecnolóxicas para a xestión e a explotación sostible destes recursos mineiros e enerxéticos, minimizando o impacto sobre o medio ambiente.
  • Participar na xeración, transformación e transporte de enerxía: centrais térmicas e hidráulicas, ciclos combinados, enerxía eólica, enerxía solar, enerxía xeotérmica.
  • Dotar de coñecemento no ecodeseño dos procesos de transformación destes recursos mineiros e enerxéticos para reducir residuos e emisións, e mellorar a eficiencia.
  • Investigar novas solucións para a valorización enerxética destes residuos, a fabricación de novos combustibles derivados deles (CDR) e a recuperación de substancias minerais do seu procesamento.
  • Analizar as propiedades e as diferentes posibilidades e usos dos materiais tradicionais (aceiros, metais, materiais de construción) e dos denominados novos materiais, mediante o estudo da Enxeñaría de Materiais.

Cómpre salientar que os nosos titulados e tituladas tamén dominan a xestión e o deseño de espazos subterráneos, tanto no ámbito mineiro coma no civil (túneles, cavidades subterráneas para centrais hidroeléctricas, complexos deportivos, cidades subterráneas etc.), e no uso de explosivos para executar voaduras e demolicións no ámbito da minaría e da obra civil.


Descarga o folleto informativo do Grao en Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos

O título habilita para a profesión regulada de Enxeñeiro/a Técnico de Minas en tres especialidades: (i) recursos enerxéticos, combustibles e explosivos, (ii) explotación de minas e (iii) enxeñaría de materiais.

É moi importante visibilizar a cidadanía, a patronal e as administracións, o que facemos e o que lle podemos achegar como técnicos/as á sociedade. Non só formamos profesionais expertos no deseño e na execución de explotacións mineiras, escavacións e voaduras; tamén formamos persoal que xestiona os recursos enerxéticos, que coñeza os efectos que a extracción de recursos minerais ten sobre o medio ambiente e, polo tanto, sabemos minimizar os seus efectos, realizamos estudos de impacto ambiental e plans de restauración. Esta formación posibilita outras oportunidades profesionais, todos elas relacionadas co aproveitamento e coa protección da enxeñaría de recursos e materiais: xestión de residuos mineiros, riscos xeolóxicos, ordenación do territorio, valorización de residuos, novos combustibles, remediación de solos contaminados, novos materiais etc.