Enténdese como avaliación por compensación (AC) o mecanismo polo que se avalía en conxunto a traxectoria académica e o labor realizado por unha ou un estudante ao final dos seus estudos para determinar se acadou os suficientes coñecementos e competencias que lle permitan obter a titulación académica á que opta, compensando materias que non teña superadas.

Requisitos para admitir a trámite as solicitudes

Poderá solicitar a avaliación por compensación o estudantado de Grao cando cumpran os seguintes requisitos:

  1. Que cando menos o 50% dos créditos da titulación foran cursados na Universidade de Vigo.
  2. Que resten para graduarse un máximo de dúas materias que non superen entrambas os 12 créditos, agás o TFG.
  3. Que o/a estudante esgotara na(s) materia(s) na(s) que solicita a AC cando menos catro oportunidades de avaliación nos tres últimos cursos, e terse presentado nalgunha das oportunidades dispoñibles no curso académico en que se solicite.

Limitacións na resolución da avaliación por compensación

  1. Non serán obxecto de compensación o Traballo de Fin de Grao nin as prácticas.
  2. O número máximo de créditos que se poderá conceder por avaliación por compensación na vida académica do estudantado será de 12.
  3. Non se lle poderá conceder a avaliación por compensación a unha/un estudante que non estea matriculado na(s) materia(s) a compensar no momento de solicitar a avaliación por compensación.
  4. As materias compensadas non poderán ser obxecto de recoñecemento noutras titulacións da Universidade de Vigo.
  5. Non se lle poderá conceder a avaliación por compensación a un/unha estudante ao/á que lle conste algunha sanción grave no seu expediente académico.

Criterios de resolución da avaliación por compensación

Concederase de xeito automático o apto por compensación da(s) materia(s) solicitada(s) tras a constatación do cumprimento de todos os requisitos e das limitacións previas, e sempre que o/a estudante se encontre en polo menos un dos seguintes supostos:

  1. Que obtivese polo menos unha vez unha cualificación igual ou superior a 4 ou unha media superior a 3,5 entre as dúas mellores cualificacións na(s) materia(s) a compensar,
  2. Que a media do seu expediente sexa igual ou superior á nota media da súa titulación na última promoción con dereito a docencia.

No caso de que o/a solicitante non se encontre en ningún destes supostos para o apto automático, pero reúna todos e cada un dos requisitos necesarios para a avaliación por compensación, a solicitude será admitida a trámite para que a valore a comisión de compensación.

A solicitude de avaliación por compensación presentarase a través da sede electrónica e será dirixida á Área de Estudos de Grao (E.E. de Telecomunicación – Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía). O prazo de presentación será, en cada período de avaliación, dende a data de apertura de actas ata quince días hábiles despois do peche de entrega das mesmas.