A concienciación da nosa mocidade de que a enxeñaría e a ciencia son uns dos motores transformadores da sociedade é de carácter fundamental para alcanzar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030 e mellorar desta maneira a calidade de vida e a sustentabilidade do planeta. Co obxectivo de amosar a necesidade dun emprego sostible da enerxía e dos recursos mineiros dende unha perspectiva máis local, un equipo integrado por persoal docente e investigador da Escola de Enxeñería de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo propón o proxecto A CAIXA SOSTIBLE, no que se deseña unha caixa que se envía a 40 institutos galegos de educación secundaria que previamente manifestaron o seu interese.

Esta caixa conta con 5 actividades encamiñadas á determinación da pegada de carbono, a eficiencia enerxética, a eficiencia luminosa, a calidade das augas e a posta en valor do patrimonio xeolóxico da contorna. Cada unha destas actividades, ten un compartimento dentro da caixa (como podedes ver arriba na imaxe) onde se inclúe o material e a información necesarios para o seu desenvolvemento. A caixa é recibida polo profesorado encargado do centro educativo que, co apoio do persoal da EEME, titorizará o estudantado en cada unha das actividades.

A web do proxecto A caixa sostible contén abondosa información sobre o proxecto, obxectivos, IES participantes e a actualidade ao redor da iniciativa.

Máis abaixo un vídeo de presentación do proxecto: