A Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía (EME) da Universidade de Vigo é un centro universitario onde se imparten o Grao en Enxeñaría da Enerxía, o Grao en Enxeñaría de Minas e Recursos Enerxéticos e o Máster universitario en enxeñaría de minas, todas titulacións únicas do sistema universitario de Galicia

O noso papel na sociedade

Un dos obxectivos da Axenda 2030 para o desenvolvemento sostible é Garantir o acceso a unha enerxía accesible, segura, sostible e moderna para todos». Pero a produción e o consumo de enerxía representan preto do 60 % das emisións mundiais de gases de efecto invernadoiro. Conseguir unha solución equilibrada entre garantir o acceso universal aos servizos enerxéticos para todas as persoas e limitar os efectos que a produción e o uso da enerxía teñen sobre o clima é un reto de tal magnitude que xustifica que o sistema enerxético constitúa unha das prioridades da axenda científica, política económica e social dun país.

Cómpre, pois, formar profesionais conscientes da magnitude e da relevancia deste reto, que comprendan as súas implicacións e complexidades, e sexan capaces de afrontalos cunha visión moderna e innovadora. Para dar resposta a esta necesidade impártese o Grao en Enxeñaría da Enerxía, único grao en Galicia que forma especialistas no ámbito da enxeñaría enerxética. Formamos enxeñeiros e enxeñeiras capaces de deseñar, optimizar e dirixir tecnicamente os procesos tecnolóxicos asociados a todo o proceso: desde a xeración de enerxía ata o nivel de usuario final de enerxía térmica ou eléctrica (produción, almacenamento, transporte, distribución, mercados). E no contexto actual cobra especial relevancia a formación en dúas áreas: (i) tecnoloxías de xeración de enerxías renovables (eólica, fotovoltaica, solar, xeotérmica, hidroeléctrica, mareomotriz, undimotriz, biomasa e biocombustibles, entre outras) e (ii) procesos tecnolóxicos asociados á eficiencia enerxética. Por este motivo, modificamos e actualizamos o plan de estudos para recoller a formación neles.

Para acadar estes obxectivos en materia de política enerxética é necesario contar coas materias primas coas que fabricar e construír a tecnoloxía asociada (aeroxeradores, placas fotovoltaicas, vehículos eléctricos, pilas de combustible, por citar as tecnoloxías máis ilustrativas). E, por outra banda, a dixitalización dos procesos industriais, un dos selos da industria actual, precisa tamén de materias primas coas que fabricar as tecnoloxías asociadas ás TIC.

Polo tanto, é necesario contar con enxeñeiros e enxeñeiras que coñezan: (i) os usos dos recursos mineiros e os procesos tecnolóxicos asociados á súa busca e extracción e (ii) os procesos tecnolóxicos asociados á súa transformación para obter as materias primas necesarias para fabricar as tecnoloxías antes mencionadas.

Para dar resposta a estas necesidades, ofrecemos o Grao en Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos, único grao do sistema universitario galego que forma técnicos e técnicas en dúas especialidades: (i) enxeñaría de recursos mineiros e (ii) enxeñaría de materiais. Este título está declarado único e habilita para a profesión regulada de enxeñeiro/a de minas e enxeñeiro/a técnico.

As nosas instalacións

No ano 2003 construíuse o actual edificio que alberga a EME da Universidade de Vigo, obra dos arquitectos César Portela, Gabriel Santos Zas e César Padrón Conde, e que resultou finalista do II Premio ENOR de Arquitectura. As necesidades do centro marcaron a súa síntese formal, estruturándose en tres pezas lineais prismáticas que se corresponden coa área das aulas, laboratorios e despachos. Esta morfoloxía lineal e as rotacións entre os tres módulos permítenlle adaptarse á orografía do terreo e crear unha perfecta harmonía co medio.

EME

O noso selo de identidade

Formamos enxeñeiros e enxeñeiras

Formamos profesionais capaces de dar resposta a problemas específicos da empresa e da sociedade, a condición de que estas solucións tecnolóxicas sexan sostibles. Isto tradúcese nunha formación que vai máis aló do simple estudo dos procesos tecnolóxicos, tratando en profundidade aspectos relacionados coa economía, a empresa, o medio ambiente, a seguridade e a saúde.

Ademais, a formación dos enxeñeiros e enxeñeiras obriga a estar en contacto permanente coa industria, coñecer as súas necesidades e as últimas tecnoloxías. Por iso, a escola mantén unha relación permanente de colaboración co tecido industrial e empresarial das nosas zonas, que se traduce en prácticas externas e numerosas visitas a instalacións industriais por parte do alumnado, para coñecer os procesos tecnolóxicos in situ. A colaboración das empresas tradúcese no financiamento de equipamento de espazos docentes, premios e bolsas, realización de obradoiros, seminarios e conferencias e ofertas de emprego.

Prácticas en empresa

As prácticas en empresas representan o primeiro contacto do estudantado co lugar de traballo. Esta actividade proporciona unha visión e unha experiencia de enorme valor para o exercicio profesional, e ofrece a oportunidade de familiarizarse co contorno onde se poden aplicar os coñecementos adquiridos no ámbito académico. A escola conta con máis de 50 convenios con empresas de sectores directamente relacionados co ámbito profesional das titulacións do centro. Esta relación activa permítelle ao estudantado mellorar a súa formación e posibilita a súa integración nunha empresa con diferentes departamentos nos que centrar o seu futuro profesional.

Saídas de campo e visitas ás instalacións

As visitas ás instalacións e as saídas ao campo concíbense como un recurso didáctico de grande interese para fortalecer a relación entre o coñecemento conceptual e a súa aplicación práctica.

Mobilidade estudantil

A EME aposta pola mobilidade do estudantado, xa que lle permite mellorar a súa formación incorporando aos seus estudos unha visión cultural e académica diferente. Esta actividade é unha oportunidade de crecemento persoal e académico que dá un valor engadido á formación universitaria.

A mobilidade estudantil da EME céntrase nos programas Erasmus+ (Europa), GE4 (Asia), ISEP (EUA), SICUE (España) e nos convenios propios da UVigo (Suramérica) no marco de convenios con máis de 30 universidades.

Plan de internacionalización

Non podemos perder de vista que os nosos enxeñeiros e enxeñeiras van desenvolver a súa actividade profesional nun contexto internacional, por iso ofrecemos un Plan de internacionalización que permite que o alumnado curse, se así o desexa, dez materias do plan de estudos integramente en inglés. Ademais, traballamos activamente para facilitar as estadías de mobilidade no estranxeiro para estudantado e profesorado, establecendo acordos con universidades e centros de investigación de todo o mundo.

Novas tecnoloxías e infraestruturas

Actualmente, o desenvolvemento continuo de dinámicas multimedia e interactivas en plataformas de aprendizaxe electrónica estendeuse no contexto universitario. Así, dende a nosa escola recoñecemos as posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías, polo que é práctica habitual combinar unha parte fundamental da docencia na EME co uso das novas tecnoloxías.

Debido á crecente incorporación das TIC, existen os espazos e os medios necesarios para a súa implantación con laboratorios especializados, dotados de equipos de última xeración, e laboratorios de informática dotados de software específico e de simulación. Se esta actividade na nosa escola de enxeñaría é relevante, non podemos esquecer as diferentes necesidades do alumnado, polo que apostamos pola integración de ferramentas e de materiais con servizos propios como o préstamo de portátiles, a sala de gravación, a sala de videoconferencia, a sala de descanso etc.

Asociacións estudantís

A asociación de estudantes da EME é o ambiente idóneo para que o estudantado poida cultivar as súas relacións persoais cun grupo de apoio que coñece a vida universitaria, desenvolvendo as súas habilidades creativas no contexto universitario e gozando das múltiples actividades que se organizan tanto dentro da escola coma na universidade. A EME apoia e promove a creación, o desenvolvemento e a participación de asociacións de estudantes de diversa índole, xa que permite enriquecer a escola coas diferentes inquietudes do noso alumnado. A súa participación activa en todas as actividades que xorden do centro e a organización de moitas delas dende as súas asociacións de estudantes (Delegación de alumnado, UVigo MOTORSPORT, CES UVigo, UVigo SPACELAB, Foro Tecnolóxico de Emprego) é un trazo distintivo que nos anima a seguir apoiándoas cada ano.

Igualdade

Queremos destacar, como selo de identidade do centro, a nosa aposta pola construción de valores igualitarios, organizando numerosas actividades dirixidas ao alumnado e ao profesorado do centro, así como ao alumnado de primaria, secundaria, bacharelato e titulados/as. Actividades con diferentes obxectivos: sensibilización en materia de igualdade, fomento das vocacións no ámbito das disciplinas STEAM e, concretamente, na enxeñaría, orientación e acompañamento das mulleres na súa actividade profesional, entre outras. Este compromiso coa igualdade foi recoñecido polo Distintivo de Igualdade da Universidade de Vigo.

A nosa comunidade universitaria

O tamaño do centro facilita as relacións interpersoais entre todos os colectivos que conforman a comunidade universitaria: estudantado, profesorado e persoal de administración e servizos. Isto é especialmente relevante na relación entre o alumnado e o profesorado, o que permite unha atención detallada ao alumnado no proceso de aprendizaxe.

Formación integral

Por último, queremos contribuír á formación integral do noso alumnado complementando a súa formación académica. Por iso, organizamos numerosas actividades extraescolares: voluntariado, actividades deportivas e culturais, e tratamos de implicalas o máximo posible na vida académica do centro e na toma de decisións dende os espazos deseñados para tal fin.

Empregabilidade

Os titulados e tituladas son moi recoñecidos polos empresarios e empresarias, valorando positivamente, ademais das competencias específicas, a formación multidisciplinaria, que proporciona valores como a capacidade de aprender en novos contextos e con outros e outras profesionais, e o traballo en equipo.

Grao en Enxeñaría da Enerxía

A partir dos resultados do «Estudo sobre empregabilidade e RRHH no sector enerxético: perfís máis demandados e situación actual e futura das empresas do sector», un informe realizado por Adecco Energéticas, en colaboración coa Asociación Española de Mulleres en Enerxía (AEMENER) en 2020, a partir de enquisas a empresas do sector enerxético. O perfil máis demandado nas empresas enerxéticas é o dos enxeñeiros/as (65 %). E o 56 % das empresas consultadas nesta enquisa consideran que dentro de cinco anos necesitarán un maior volume de contratación. En base aos datos do “Estudo da inserción laboral dos titulados no Sistema Universitario de Galicia 2014-2015” o 100% traballa actualmente e tamén o 100% volvería cursar a titulación na UVigo

Grao en Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos

No proxecto «Rendemento académico e graduación das mulleres nos graos de enxeñaría da Universidade de Vigo» realizouse unha enquisa a persoas egresadas, homes e mulleres, e obtívose que, con datos de novembro de 2019, o 67 % das persoas tituladas está en activo. Ademais, das persoas en activo, o 67 % das persoas egresadas atopou o seu primeiro emprego aos seis meses de rematar os seus estudos e o 100 % traballa a tempo completo. En base aos datos do “Estudo da inserción laboral dos titulados no Sistema Universitario de Galicia 2014-2015” o 86% traballa na actualidade e o 80% volvería cursar a titulación na UVigo.