A Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía celebrou o xoves 1 de outubro a IV Xornada “Falamos de futuro? Un encontro próximo con profesionais do sector”, que reuniu arredor de 60 persoas na sala Progreso-Urban Market de Vigo. A Xornada, organizada pola Enlace de Igualdade e Diversidade da EME, María Pazo Rodríguez, co apoio da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, achegou ao estudantado as experiencias profesionais de persoas tituladas na Escola que desenvolven a súa actividade en ámbitos diversos dos sectores mineiro e enerxético.
Nesta cuarta edición participaron Noelia Alonso Rodríguez, Guillermo Rial Barreiro e Maria Mavroudi, tres profesionais egresados do centro que compartiron as súas traxectorias e explicaron en que consisten os seus traballos actuais. Alonso, egresada do Grao en Enxeñaría da Enerxía, traballa en Octopus Energy como enxeñeira de proxectos e consultora en eficiencia enerxética e sustentabilidade, no equipo de soporte técnico de solar e bombas de calor. Rial, tras cursar o Grao en Enxeñaría da Enerxía e o Mestrado en Enxeñaría de Minas na Escola, é senior project leader no Kaizen Institute, onde dirixe proxectos de mellora continua e excelencia operacional en organizacións industriais e de servizos. Pola súa banda, Mavroudi, que foi estudante de mobilidade na EME, realiza actualmente a súa tese de doutoramento na Chair of Mining Engineering and Mineral Economics da Montanuniversität Leoben (Austria), traballando en observación da Terra e análise de datos para contribuír a un sector mineiro máis sustentable e circular no marco do proxecto europeo S34I.
A xornada completouse cunha mesa redonda na que tamén participaron persoas egresadas da EME que traballan en distintos ámbitos dos sectores mineiro, de enxeñaría dos materiais e enerxético. Desde a Escola queremos agradecer ao estudantado a súa participación, así como ás persoas relatoras e egresadas que compartiron as súas experiencias profesionais, cuxa colaboración permitiu celebrar unha nova edición de «Falamos de futuro?», unha iniciativa orientada a achegar o mundo profesional ao estudantado da Escola.
