Un grupo de 16 alumnos e alumnas do CIFP Ferrolterra, da cidade de Ferrol, visitou o 15 de xullo o parque eólico das Somozas, situado no concello do mesmo nome, como parte do Premio Naturgy Renovables recibido durante a súa participación na I Olimpíada da Enerxía, un evento pioneiro organizado pola Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo, con financiamento da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), do Ministerio de Ciencia e Innovación.
Esta visita foi o premio co que Naturgy colaborou con dita edición da Olimpíada, como unha forma de promover a divulgación científica e o fomento do talento local, cuestión que se relaciona perfectamente co obxectivo do certame de achegar o sector enerxético á mocidade, subliñando o seu papel fundamental na vida diaria e no proceso de transición cara a un modelo máis limpo e sostible.

Durante a xornada, o alumnado puido coñecer de primeira man o proxecto de transformación tecnolóxica que se está a levar a cabo neste parque eólico, substituíndo 81 aeroxeradores por só 9 máquinas de última xeración, máis eficientes e con menor impacto visual. Cun investimento de 67 millóns de euros, está financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, a través do Programa Repotenciación Circular xestionado polo IDAE. O proxecto aumentará a produción anual de enerxía limpa até os 168 GWh, equivalentes ao consumo eléctrico duns 48.000 fogares. Ademais de mellorar o rendemento enerxético e reducir o impacto ambiental, o proxecto contempla a restauración das zonas desafectadas e a reutilización de infraestruturas xa existentes.
A visita permitiu ao alumnado coñecer de forma práctica os avances en enerxías renovables e o papel fundamental da repotenciación no futuro do sector, así como resolver dúbidas co equipo técnico de Naturgy. Unha experiencia enriquecedora que reforza o obxectivo da Olimpíada: espertar vocacións e formar aos profesionais do mañá nun sector en plena transformación.