A EME achega a súa oferta académica a centros educativos da área de Ferrol

Entre o 8 e o 16 de xaneiro, a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía levou a súa oferta académica ao alumnado preuniversitario de diversos centros educativos da área de Ferrol. O profesor Francisco Deive – arriba, na foto, no IES Concepción Arenal– foi, un ano máis, o encargado de presentar os graos en Enxeñaría da Enerxía (EE) e en Enxeñaría de Recursos Mineiros e Enerxéticos (ERME). Durante estas charlas, ofreceuse unha visión completa sobre as particularidades destas dúas titulacións, as súas saídas laborais, as materias do plan de estudos e o día a día na Escola.

Abordáronse ademais aspectos xerais da vida universitaria, como actividades complementarias, obradoiros, xornadas e o ambiente académico que define a nosa institución. Entre os centros participantes destacan o IES Canido, CPR Tirso de Molina, IES Saturnino Montojo, IES As Mariñas, IES Moncho Valcarce, IES Isaac Díaz Pardo, IES Fene e IES Concepción Arenal.

A Escola agradece ao persoal docente e ao alumnado destes centros a súa excelente acollida e colaboración na iniciativa.

Abaixo podemos ver imaxes de diversas presentacións en centros da zona de Ferrol. (Facendo clic nas imaxes, amplían).