Pedro Arias, catedrático da EME, recibe a medalla Isidro Parga Pondal pola súa traxectoria no eido das ciencias técnicas

Pedro Arias, catedrático de Enxeñaría Cartográfica, Xeodésica e Fotogrametría na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía e investigador do Cintecx, recibiu o martes 8 de outubro –Día da Ciencia en Galicia– a medalla Isidro Parga Pondal no eido das ciencias técnicas. Esta distinción, que outorga a Real Academia Galega de Ciencias, recoñece o seu “brillante labor investigador, ao afondar nos aspectos científicos que presentan as xeotecnoloxías, en particular a xeointelixencia, campo que combina as técnicas e ferramentas relacionadas coa intelixencia artificial e a información xeoespacial”. A RAGC tamén valorou, á hora de outorgarlle esta medalla, que aplica métodos e solucións en tempo real, enfocados á toma de decisións fronte a problemas de relevancia no ámbito social, empresarial e tecnolóxico relacionados coa elaboración de cartografías, xeolocalización e xestión de xeodatos masivos.

Ao acto asistiron o presidente da RAGC, Juan Lema; o secretario xeral da Lingua; Valentín García; o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación da Universidade de Vigo, Belén Rubio; a vicerreitora de Política Científica da USC, Pilar Bermejo, entre outras autoridades, así como familiares do matemático José Rodríguez, figura homenaxeada como Científico Galego do Ano coincidindo co bicentenario do seu falecemento. O encargado de poñer en valor esta figura senlleira da ciencia galega foi Francisco Díaz-Fierros, catedrático de Edafoloxía e Química Agrícola da USC e académico da Real Academia de Farmacia de Galicia, que ofreceu un relatorio titulado José Rodríguez González, o sabio de Bermés.