Investigadores da UVigo lideran un estudo que identifica por vez primeira na península ibérica a presenza de dúas familias de libélulas do Xurásico-Cretácico

Hai uns 145 millóns de anos, no tránsito do Xurásico ao Cretácico, a península ibérica presentaba un clima relativamente seco, con condicións xeneralizadas de aridez e probablemente con cambios estacionais. Non obstante, no que daquela era unha grande illa separada do resto de Europa, existían ecosistemas hidrotermais, con humidade permanente, debido ao vapor, afloramento de auga, e cunha temperatura constante ao longo do día e do ano. Un deses ecosistemas situábase na área xeográfica que na actualidade se corresponde con Las Loras, unha área situada entre as provincias de Palencia e Burgos e onde se localiza un xeoparque mundial recoñecido pola Unesco. É precisamente neste lugar onde, no ano 2021, nun afloramento de travertinos, un grupo de investigadores españois, franceses e alemás, liderados pola UVigo, identificaron, por vez primeira na Península Ibérica, a presenza de libélulas de dúas familias, ademais de flora dominada por Bennettitales e fentos, que se diferencian doutras floras da mesma idade e zona xeográfica.

“Atopar a presenza de libélulas das familias Cymatophlebiidae e Aktassiidae en afloramentos de travertinos (rochas sedimentarias calcareas continentais) do Geoparque de Las Loras foi unha sorpresa moi agradable e inesperada. Estes fósiles son do tránsito Xurásico-Cretácico, e nese momento a península ibérica era unha grande illa separada do resto de Europa, polo que a presenza destas dúas familias, ata agora descoñecidas na Península, supón unha nova peza para o quebracabezas bioxeográfico destes grupos biolóxicos”, explica o investigador do departamento de Xeociencias mariñas e ordenación do territorio da UVigo Artai Santos, que xunto aos tamén investigadores do Centro de Investigación Mariña da UVigo CIM, Bienvenido Diez e Iván Rodríguez-Barreiro, lideran un estudo internacional que acaba de ser publicado en Biology e no que tamén participan Luis M. Sender da Universidad de Zaragoza; Torsten Wappler da Universidade Bonn/Hessisches Landesmuseum Darmstadt e André Nel do Museo de Historia Natural de París.

Ler a nova completa no DUVI.