A UVigo celebra o 11 de febreiro rachando estereotipos e creando vocacións

Múltiples actividades cun único obxectivo: dar visibilidade ao traballo que día a día levan a cabo as tecnólogas e científicas e fomentar as vocacións entre as nenas e adolescentes. A Universidade de Vigo celebrou este venres o 11 de febreiro, Día Internacional da muller e a nena na ciencia, coa feira divulgativa eXXperimenta en Feminino, na cidade de Ourense, e co programa de obradoiros Elas fan Cientec no campus de Vigo. Son as dúas iniciativas máis visibles organizadas en torno a esta data e coas que a UVigo busca rachar estereotipos e crear vocacións, pero non son as únicas, estes días celebráronse diferentes iniciativas e ao longo de todo o mes preto de 40 investigadoras están a impartir en centros educativos de toda Galicia charlas sobre o seu traballo e, en xeral, sobre o papel da muller na ciencia e na tecnoloxía.

Todas as iniciativas son poucas para reverter a tendencia do baixo número de mulleres matriculadas nas denominadas carreiras STEM ou CTEM, siglas en inglés e español de Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas. A día de hoxe na Universidade de Vigo a Escola de Enxeñaría Informática é o centro cunha menor porcentaxe de estudantado feminino, apenas un 15% do total de alumnado–incluíndo grao, máster e doutoramento- e a situación non é moito mellor en escolas como Enxeñaría de Telecomunicación -20% de alumnado feminino- ou Enxeñaría Industrial -25% de alumnado feminino-, onde hai titulacións como o Grao en Enxeñaría Mecánica no que a porcentaxe de alumnas apenas representa o 13% do alumnado.

Ler a nova completa no DUVI.