Catro mulleres coas que representar o ámbito profesional actual da enxeñaría de minas: unhas que traballan en organismos públicos, outras en empresas privadas; unhas que levan máis de 25 anos exercendo a súa profesión, outras que se incorporaron máis recentemente; algunhas que desenvolven o seu labor profesional no ámbito local e outras no estranxeiro; con diferentes niveis de responsabilidade na súa actividade e que traballan ou traballaron en diferentes departamentos (produción, mantemento, calidade, xestión, enxeñaría…). Elas foron as protagonistas da Xornada A muller na profesión de Enxeñaría de Minas e Enerxía. Unha mirada desde a experiencia persoal, actividade organizada pola Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía co patrocinio da Unidade de Igualdade e coa que se buscaba identificar os principais problemas que atopan as mulleres enxeñeiras nos espazos e ambientes de traballo no seu ámbito profesional e as trabas que acostuman ter na busca activa de emprego.
A cita foi este venres na sala 1 do edificio Miralles e contou coa asistencia de numerosos membros da comunidade universitaria, tanto alumnado como profesorado, que quixeron escoitar de primeira man as experiencias destas catro enxeñeiras de minas. Encargouse de presentalas a directora da escola, Elena Alonso, quen destacou que todas son egresadas pola UVigo: Ana García, que traballa como enxeñeira de calidade en Maec Automotive; María José Herrero, xefa de proxectos e produción en OHL; Cecilia Trancón, da compañía mineira Francisco Gómez y Cía e única directiva muller da Asociación Galega de Áridos, e Rocío Prieto, que traballa na Comisión Nacional del Mercado de Valores y la Competencia (dirección de Enerxía).