Leandro Alejano, profesor da nosa Escola, recibe a Medalla Isidro Parga Pondal 2026

O catedrático de Mecánica das Rochas e profesor da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía (EME), Leandro Alejano Monge, recibiu a Medalla Isidro Parga Pondal da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) polo seu traballo a prol da mellora da seguridade nas explotacións mineiras. A entrega tivo lugar o pasado xoves 8 de outubro, durante o acto de celebración do Día da Ciencia en Galicia, organizado pola Academia no salón nobre do Colexio de Fonseca, en Santiago de Compostela. O recoñecemento foi entregado polo vicerreitor de Investigación da Universidade de Vigo, Manuel Martínez Piñeiro.

Con outros membros do Grupo de investigación da UVigo “Xestión Segura e Sostible de recursos Minerais”

A distinción recoñece o labor de Alejano no ámbito da Mecánica das Rochas, unha disciplina fundamental para mellorar a seguridade nas explotacións mineiras, nas grandes obras civís e nas intervencións sobre o territorio. Durante o acto, o presidente da RAGC destacou que o traballo do profesor da UVigo combina investigación, desenvolvemento de metodoloxías e aplicación a problemas concretos, e salientou a importancia do coñecemento da mecánica das rochas para a seguridade destas actividades. Na súa intervención, Leandro Alejano agradeceu o recoñecemento, reivindicou o papel da minería na sociedade actual e lembrou a súa contribución á mellora da calidade de vida, ao tempo que expresou o seu agradecemento ao persoal docente e investigador da Escola polo apoio e compañeirismo ao longo da súa traxectoria.

Con Iago Pozo, actual director da Escola, e a súa predecesora, Elena Alonso 

A entrega das medallas de investigación formou parte da celebración do Día da Ciencia en Galicia, dedicado nesta edición á oceanógrafa Aida Fernández Ríos. A RAGC distinguiu tamén outras catro figuras da investigación galega: Rosa Crujeiras, Mabel Loza, Francisco Rivadulla e Sebastián Villasante. Desde a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía celebramos este recoñecemento ao labor do noso compañeiro Leandro Alejano, que contribúe a visibilizar a importancia da investigación en Mecánica das Rochas e a súa aplicación á seguridade mineira.