O director da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, Iago Pozo, participou no Mining and Minerals Hall 2026 (MMH), que celebrou a súa VI edición en Sevilla do 20 ao 22 de outubro, presentando unha ponencia sobre o labor de divulgación científica e tecnolóxica que desenvolve a nosa Escola.
O MMH reúne profesionais, empresas, institucións e representantes do ámbito académico para analizar os retos e as oportunidades da industria mineira. Nesta edición, baixo o lema “La minería: pilar estratégico para el futuro de Europa“, o encontro puxo o foco no papel estratéxico dos recursos minerais para o desenvolvemento industrial, a autonomía estratéxica europea e a transición enerxética.
A intervención de Iago Pozo, titulada “Divulgación desde la Escuela de Ingeniería de Minas y Energía de la Universidad de Vigo“, permitiu dar a coñecer o traballo da EME para achegar a minería, a xeoloxía e os recursos mineiros e enerxéticos á cidadanía, especialmente a través da colaboración cos centros educativos. Na ponencia tamén se destacou o alcance desta actividade durante o curso 2025/2026, no que a Escola estivo presente en 93 centros educativos de Galicia, así como diferentes proxectos de divulgación desenvolvidos nos últimos anos.
A participación neste encontro constituíu unha oportunidade para dar visibilidade ao labor da Universidade de Vigo no ámbito da divulgación e para reivindicar a importancia de achegar á sociedade o coñecemento sobre os recursos minerais e enerxéticos, fundamentais para afrontar os retos tecnolóxicos, industriais e ambientais do futuro.