A Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía deu hoxe, 7 de setembro, a benvida á súa nova promoción 2026-2030, formada por preto de 90 estudantes matriculados nos dous graos que se imparten no centro. A diversidade é unha das notas características deste grupo, xa que o alumnado procede de toda Galicia, doutras comunidades autónomas e do estranxeiro, unha mestura que enriquece a vida universitaria desde o primeiro día.
A xornada de benvida, deseñada para facilitar a integración e o coñecemento mutuo, comezou cunha dinámica de grupo para romper o xeo. A continuación, o equipo directivo presentou información práctica sobre a vida académica, primeiros trámites e recursos de utilidade para o inicio de curso. Pola tarde, a Delegación de Estudantes guiou un percorrido polas instalacións da Escola, para que o novo alumnado se familiarizase cos espazos onde desenvolverá a súa actividade ao longo dos próximos anos.
Completaron a xornada cuestións transversais como igualdade e divulgación científica, así como unha enquisa inicial para coñecer as expectativas e intereses da promoción. Cada estudante recibiu ademais o seu pack de benvida, co casco e o chaleco que empregarán en visitas a empresas e saídas fóra das aulas. Como peche, a promoción ao completo e o equipo da Escola posaron para a tradicional foto de familia que marca o inicio desta nova etapa.
Desde a Escola queremos desexar a todo os novo estudantado moitos éxitos neste camiño que comezan, e acompañalos durante os catro anos de aprendizaxe, retos e experiencias que teñen por diante.
