Iago Pozo, novo director da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía

A nosa Escola inicia unha nova etapa coa elección por unanimidade de Iago Pozo como director do centro. O profesor do Departamento de Enxeñaría dos Recursos Naturais e Medio Ambiente toma o relevo de Elena Alonso, á que a comunidade da EME quere expresar o seu agradecemento polo compromiso, dedicación e traballo desenvolvidos durante os últimos anos á fronte da mesma.

Pozo, vencellado á EME desde hai máis de dúas décadas, coñéce en profundidade o centro, xa que nel desenvolveu a súa traxectoria docente, investigadora e de xestión. Antes de asumir a dirección da Área de Promoción da Internacionalización da Universidade de Vigo, desempeñou o cargo de subdirector da Escola, unha experiencia que lle permitiu adquirir unha visión global tanto da realidade do centro como da propia Universidade.

Na súa candidatura, Pozo apostou por un proxecto baseado na colaboración e na participación de toda a comunidade universitaria, co obxectivo de seguir consolidando a EME como un centro de referencia no ámbito da enxeñaría. Entre as principais liñas estratéxicas destacan o impulso á captación de novo estudantado, o reforzo da internacionalización, a promoción da innovación educativa e da divulgación científica, a consolidación da oferta académica e o fortalecemento da colaboración co tecido empresarial e institucional.

A Escola conta cun enorme potencial humano e científico. O noso obxectivo é seguir construíndo unha EME aberta, innovadora e internacional, capaz de atraer talento, responder aos retos da sociedade e ofrecer unha formación de excelencia adaptada ás necesidades do futuro“,
destacou o novo director tras a súa elección.

Un equipo comprometido coa Escola

Comezando pola esquerda: Iria Feijóo, Guillermo García Lomba, Iago Pozo, Raquel Pérez Orozco e Francisco Javier Deive Herba

Para afrontar esta nova etapa, Iago Pozo estará acompañado por un equipo directivo integrado por:

  • Guillermo García Lomba, secretario e coordinador de Calidade.
  • Iria Feijóo Vázquez, subdirectora de Planificación e Organización Académica.
  • Francisco Javier Deive Herva, subdirector de Asuntos Económicos, Infraestruturas e Relacións Internacionais.
  • Raquel Pérez Orozco, subdirectora de Divulgación Científica e Captación.

O novo equipo asume o compromiso de continuar impulsando unha Escola innovadora, aberta ao mundo e estreitamente conectada coa sociedade, promovendo a excelencia na docencia, na investigación e na transferencia de coñecemento, así como a formación de profesionais preparados para afrontar os desafíos da transición enerxética, o aproveitamento sostible dos recursos e o desenvolvemento tecnolóxico.

A comunidade da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía desexámoslles moitos éxitos nesta nova etapa, coa confianza de que o seu traballo contribuirá a seguir fortalecendo o prestixio e a proxección da EME.