A Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía foi o escenario escollido o martes 19 de maio pola Universidade de Vigo para celebrar o acto institucional do Día das Letras 2026, unha xornada na que o centro acadou un fito destacado: a recepción do distintivo Gal Ego, que recoñece o compromiso coa normalización do galego na docencia, a investigación e a xestión. A directora da escola, Elena Alonso, recolleu o selo cunha mensaxe de agradecemento a toda a comunidade educativa e co compromiso de seguir impulsando accións como a elaboración de novos glosarios técnicos nas áreas de enerxía, minaría e medio ambiente. “Este distintivo supón para nós o recoñecemento a un traballo de equipo, un proxecto común no que participamos toda a comunidade do centro”, afirmou Alonso, que fixo fincapé no papel do persoal docente e investigador, do PTXAS, do estudantado e mesmo das persoas egresadas e entidades profesionais vinculadas á escola.
O acto serviu tamén para presentar o Glosario de ciencia e tecnoloxía dos materiais, unha ferramenta elaborada por catro docentes da EME –Iria Feijóo, Silvia Gómez Barreiro, Raquel Pérez Orozco e Mª Carme Pérez Pérez– co obxectivo de apoiar o alumnado preuniversitario e demostrar que o galego é unha lingua plenamente válida para a transmisión do coñecemento científico e técnico. Na súa intervención, Mª Carmen Pérez explicou que o glosario non pretende substituír os manuais habituais, senón complementalos con definicións concisas e rigorosas que axuden a aclarar conceptos clave. A iniciativa nace, segundo as súas palabras, da “convicción firme de que a lingua galega é plenamente válida para a transmisión e a construción do coñecemento científico e técnico, e de que pode e debe empregarse con naturalidade no ensino destas disciplinas”.
O evento contou coa participación do reitor en funcións, Manuel Reigosa, e da reitora electa, Carmen García Mateo, ademais dunha conversa entre a escritora e actriz Paula Carballeira e a vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda, arredor da figura e do legado de Caamaño, homenaxeadas neste 17 de maio.

Coa recepción do Gal Ego, a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía asume novos retos para os próximos catro anos. Entre as accións previstas, a directora Elena Alonso adiantou a elaboración de novos glosarios docentes vinculados a ámbitos como a enerxía, a explotación de minas, a xestión do territorio ou o medio ambiente, dando así continuidade ao traballo iniciado co glosario presentado nesta xornada. De xeito complementario, a Escola tamén impulsará formación específica para o profesorado co obxectivo de incrementar o número de materias impartidas en galego, así como accións nas redes sociais para fomentar o uso da lingua en contidos relacionados coas súas titulacións.
Durante a xornada, o dúo Pärbo abriu a celebración cunha actuación musical e tamñen se entregaron os Premios de poesía, relato curto e tradución 2026, coordinados pola Área de Normalización Lingüística da UVigo. Alba Guzmán Falcón recibiu o primeiro premio de poesía por Procurei/Rehabitar; Noelia Fernández Romero foi recoñecida en relato curto por Alén mar; e Elvira Riveiro Tobío acadou o premio de tradución pola versión galega de O Astrágalo, de Albertine Sarrazin. Raquel Pérez Orozco, enlace de Galeguización e mais de Divulgación Científica da Escola, fixo lectura dalgúns dos textros galardoados.
O reitor en funcións, Manuel Reigosa, pechou o acto cunha mensaxe de preocupación polo futuro do idioma, pero tamén de esperanza ao ver “tantas persoas que o defenden”, e lembrou que a Universidade de Vigo “xa é pública, xa é de calidade, xa é investigadora, pero, ademais, ten que ser galega”.
Aquí podes descargar o Glosario de ciencia e tecnoloxía dos materiais:
DESCARGAR GLOSARIO
