Proxecto TIRIS, unha experiencia pioneira de innovación docente e cooperación internacional, impulsado pola nosa Escola

A Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía vén de poñer en marcha o proxecto TIRIS (Tecnoloxía e Innovación para Refuxiados con Impacto Social), unha iniciativa piloto que combina innovación educativa, aprendizaxe práctica e cooperación internacional cos campamentos de refuxiados saharauís.

O proxecto, presentado ao estudantado a finais de setembro, desenvólvese no marco do Grao en Enxeñaría da Enerxía e está liderado por un equipo docente formado por Raquel Pérez Orozco (coordinadora do proxecto), Moisés Cordeiro Costas, Andrés Suárez García, Iván Puente Luna e Javier López Bértolo. Cada un deles dirixirá as tarefas vinculadas ás materias implicadas, que abranguen desde o deseño electrónico e a eficiencia enerxética ata o modelado 3D e o control de sistemas.

TIRIS propón que o estudantado deseñe, fabrique e documente un dispositivo educativo para medir temperatura e humidade en contornos con recursos limitados. Ademais, serán as propias persoas participantes da EME quen impartan a formación sobre o seu uso ao profesorado e alumnado do Centro Salem Ahmed Barkala, situado na wilaya de Bojador (RASD). A primeira sesión conxunta entre ambos centros celebrarase este mércores, en formato virtual, e servirá como presentación oficial do proxecto ao equipo saharauí.

O proxecto integra metodoloxías de Aprendizaxe-Servizo e Aprendizaxe Baseada en Proxectos, fomentando a implicación social e a cooperación como parte esencial do proceso formativo. “Con TIRIS queremos que o alumnado aprenda facendo, e que esa experiencia teña un impacto real e humano”, destaca a coordinadora, Raquel Pérez Orozco.

TIRIS enmárcase nas accións de innovación docente da Universidade de Vigo e aspira a converterse nun modelo exportable de colaboración educativa e tecnolóxica con impacto social e sostible.