O alumnado de 2º curso do Máster en Enxeñaría de Minas participou en dúas sesións prácticas da materia “Drons no ámbito dos recursos”, desenvolvidas os días 20 e 27 de outubro de 2025.

A primeira das prácticas tivo lugar o 20 de outubro en interiores, nun espazo acondicionado polo grupo de investigación GeoTech para o adestramento básico en voo e seguridade. Nesta sesión o alumnado realizou exercicios de iniciación ao manexo de drons, familiarizándose coas súas partes, configuración e procedementos operativos. Utilizáronse drons de menos de 250 gramos (clase C0) nunha zona acoutada e segura, con redes de protección, chalecos de alta visibilidade e distancias regulamentarias. O obxectivo foi proporcionar unha primeira toma de contacto co equipamento e coas normas de operación en condicións controladas.
A segunda práctica desenvolveuse o 27 de outubro no encoro de A Baxe, na foto de arriba, no concello de Caldas de Reis. Nesta sesión realizáronse voos en contornas reais de estudo, empregando catro drons diferentes, cada un con sensores e equipos auxiliares específicos. Esta diversidade permitiu adaptar os traballos a distintas temáticas e obxectivos, explorando as posibilidades destas aeronaves na recollida e análise de datos ambientais.
Ambas actividades estiveron coordinadas polo profesorado responsable da materia, Juan Luis Rodríguez Somoza e Pedro Arias Sánchez, encargado de tramitar os permisos de voo, garantir o cumprimento da normativa vixente e supervisar todas as medidas de seguridade operacional.
Estas sesións constitúen unha oportunidade formativa clave para o estudantado, que así se achega ao uso profesional dos drons como ferramenta de apoio na enxeñaría de minas e na xestión dos recursos naturais.