Catro estudantes da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía foron recoñecidos nos Premios Ángela Ruiz Robles á Excelencia Académica. Paulina Tomé, Estela Trigo, Samuel Fernández e Rafael da Hora asistiron o mércores, 22 de outubro, ao acto de entrega celebrado en Santiago de Compostela. Estes galardóns distinguen ao alumnado de grao das universidades galegas con mellores cualificacións medias nos cursos 2022/23 e 2023/24, destacando o seu compromiso, esforzo e dedicación ao longo da traxectoria académica.
Os premios están incardinados no Plan de Excelencia Académica da Xunta de Galicia, convocado desde o ano 2019 co obxectivo de motivar o estudantado universitario galego a mellorar o seu currículo e valorar o traballo constante. Desde 2023, estes recoñecementos levan o nome de Ángela Ruiz Robles, mestra e inventora ferrolá, pioneira na innovación pedagóxica e precursora do libro electrónico. A súa figura simboliza o espírito de innovación, esforzo e vocación docente que inspira estes premios.
Na edición correspondente aos cursos 2022/23 e 2023/24, recoñecéronse preto de 800 estudantes das universidades galegas, o que pon de manifesto o alto nivel e a calidade do ensino superior na nosa comunidade.
En representación da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, os galardóns concedidos foron os seguintes:
- Paulina Yuding Tomé López (GERME) – curso 2022/23
- Estela Isabel Trigo Castro (GEE) – curso 2022/23
- Samuel Fernández Docherty (GERME) – curso 2023/24
- Rafael da Hora Lavigne (GERME) – cursos 2022/23 e 2023/24
Paulina Tomé
Estela Trigo
Samuel Fernández
Rafael da Hora
Desde o noso centro queremos expresar o orgullo e a felicitación sincera a estas catro persoas por este logro, reflexo da súa dedicación e excelencia académica.
Parabéns a todas as persoas premiadas!