O pasado luns 28 de abril nun acto celebrado no edificio Redeiras, entregáronse os galardóns da quinta edición dos Premios Consello Social UVigo Humana, distincións cos que a institución académica recoñece o labor desenvolvido por persoas físicas, institucións e organizacións non gobernamentais, tanto galegas como internacionais, que teñan sobresaído pola súa traxectoria en calquera ámbito relacionado coa solidariedade e a cooperación

Tamén, no mesmo evento, preto dunha vintena de egresadas e egresados da UVigo recolleron os recoñecementos aos seus traballos de fin de grao e fin de mestrado en materia de Axenda 2030, cooperación ao Desenvolvemento e Responsabilidade Social. Traballos nos que as súas autoras e autores abordaron temáticas como a tradución con perspectiva de xénero; o impacto da RSC na rendibilidade empresarial; a análise de parámetros de calidade da auga de abastecemento nun barrio dunha poboación de Guinea-Bissau; a industria alimentaria ante o novo paradigma e a sustentabilidade ou unha proposta de boas prácticas para a Axenda 2030 consonte os principios do postcrecemento.
Na cerimonia recoñeceuse o traballo do estudante da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, Diego Costas, polo seu TFG titulado “Estudio del Autoconsumo de Energías Renovables para la Electrificación de las Demandas Térmicas del Edificio Filomena Dato”. O TFG titorizado polos profesores Pablo Eguía e Moisés Cordeiro acadou o máximo recoñecemento na categoría de Enxeñaría e Arquitectura.