O profesor na nosa Escola Leandro Alejano vistou varias institucións académicas australianas

O profesor de mecánica de rochas da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía e asociado ao CINCTEX da Universidade de Vigo, Leandro R. Alejano, realizou visitas académicas a tres universidades australianas con desenvolvementos relevantes na súa disciplina, co obxectivo de manter e desenvolver novas colaboracións no ámbito da enxeñaría dos macizos rochosos con estas prestixiosas institucións.

Estadía na Monash University

Os profesores Alejano e Masoumi diante da máquina para a realización de ensaios “Split Hopkinson bar” nos laboratorios do Departamento de Enxeñaría Civil de Monash. (Na imaxe principal, arriba, visita á cunca mineira histórica de Ballarat no estado de Victoria, Australia).

Do 7 ao 17 de febreiro, o profesor Alejano realizou unha visita ao Departamento de Enxeñaría Civil da Monash University, en Melbourne, unha prestixiosa universidade segundo todos os rankings. Foi convidado polo profesor Hossein Masoumi, con quen colabora desde hai varios anos no estudo dos efectos de escala en rocha. Durante este tempo, mantivo reunións con investigadores e catedráticos desta institución, visitou as instalacións dos laboratorios no campus de Clayton e participou nun seminario onde impartiu unha conferencia sobre a estabilidade de bolos graníticos. Ademais, realizou unha visita ás concas mineiras de ouro históricas de Bendigo e Ballarat no estado de Victoria.

Visita á Adelaide University

Co grupo de mecánica de rochas da Adelaide University dirixido polo profesor Karakus, tras impartir un seminario.

Entre os días 18 e 23 de febreiro, Alejano visitou o Grupo de Mecánica de Rochas da Facultade de Ciencias, Enxeñaría e Tecnoloxía da Adelaide University –na cidade australiana que lle dá nome– dirixido polo profesor Mutar Karakus. Na súa estadía interactuou co persoal de investigación do grupo, expoñendo posibles temas de interese común, visitou os laboratorios nos que se desenvolveron algúns ensaios innovadores (AUSBIT) e impartiu dous seminarios titulados “Cara a un modelo conceptual do comportamento post-rotura de macizos rochosos” e “Efectos de escala na resposta tensión-deformación de mostras de rochas fisuradas”. Nestes seminarios, presentáronse e debatéronse cos estudantes de doutoramento, post-docs e profesores os aspectos máis relevantes destes avances polos que o grupo de mecánica de rochas da UVigo acadou certa relevancia internacional. En Adelaida, tamén tivo un encontro con Francisco Román Falguera, egresado da nosa escola, que traballa na planificación da mina Olympic Dam de uranio e cobre do grupo BHP, unha das maiores minas de Australia.

Ao redor do carbón en The University of Newcastle

Os profesores Giacomini, Alejano e Buzzi diante da máquina de análise de fragmentación do grupo de Xeotecnia nas súas instalacións do campus de Callaghan da Universidade de Newcastle.
Coa catedrática Anna Giacomini e Davide Guccione, presidente do grupo de Newcastle da Sociedade Xeotécnica Australiana, tras impartir unha conferencia sobre estabilidade de taludes a membros desta sociedade.

Finalmente, do 24 e 28 de febreiro, Leandro Alejano realizou unha visita académica ao Centro de Investigación en Ciencia e Enxeñaría Xeotécnica da The University of Newcastle, en Callagha, Australia, dirixido pola catedrática Anna Giacomini. Alí visitou o laboratorio de mecánica de rochas e a corta de carbón a ceo aberto Bulga, no próximo Hunter Valley, típica das concas de carbón de Nova Gales do Sur. Tamén se reuniu con varios membros do grupo de Newcastle para tratar unha serie de temas de actualidade sobre mecánica de rochas co obxectivo de establecer potencialmente actividades de investigación colaborativa. Finalmente, pronunciou unha conferencia sobre “Estabilidade de noiros rochosos fronte a mecanismos combinados de estabilidade”, que tamén formou parte das actividades da Sociedade Australiana de Xeomecánica, sendo gravada e difundida entre os seus membros.

Estas visitas contribuíron a divulgar os avances en mecánica de rochas desenvolvidos na UVigo e a posicionar internacionalmente a universidade, que han servir de base para o desenvolvemento de proxectos de investigación conxuntos con institucións dun país onde esta disciplina ten unha maior relevancia que no noso, debido ao elevado valor da minería na súa riqueza nacional.

As estadías académicas foron posibles grazas á invitación dos profesores Masoumi (Monash University), Karakus (Adelaide University) e Giacomini de (The University of Newcastle), aos quen se agradece a hospitalidade, así como ao financiamento ao grupo GESSMIN do CINTCEX como grupo de referencia competitiva da Xunta de Galicia, á que se lle agradec a axuda.