8M: Entregados os premios fotográficos Mulle_RME 2025 que promove a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía

Etiquetas
A gañadora non puido recoller o premio e enviou un vídeo. Un intre da proxección.

O 19 de marzo celebrouse a entrega de galardóns –acto enmarcado na celebración do 8M– do certame de fotografía Mulle_RME 2025 que vén convocando desde hai anos a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía.

A fotografía que gañou o primeiro premio. [Clic para ampliar]
Baixo o título El sueño de una ingeniera de petróleos en un taladro de perforación petrolero, a fotografía  gañadora amosa a imaxe dunha muller nunha industria maioritariamente masculina, pero na que a súa experiencia e habilidade son clave para supervisar a precisión da perforación e a interpretación de datos en tempo real. “O seu traballo non só demostra destreza técnica, senón tamén o poder das mulleres na enxeñaría”, salientou a autora.

Ballesteros, destacada polo seu liderado no eido da enxeñería de petróleos, non puido viaxar ata Vigo para recoller o premio, pero si enviou un vídeo no que, ademais de agradecer a convocatoria do galardón, lembroulle a todas as mulleres que están no sector mineiro e enerxético que o seu traballo é “todo un exemplo de fortaleza, paixón e dedicación”, e a todas aquelas que se están formando e ás que lle gustaría chegar a exercer eses cargos, a non esquecerse nunca de que “a enxeñaría de minas, enerxía e petróleos é un campo para todos e que o seu traballo é necesario para lograr unha sociedade máis xusta e equitativa”.

2º premio para unha estudante da EME e mais un accésit na categoría junior

O segundo premio. [Clic para ampliar]

O 2º premio foi para Subindo para romper o teito de cristal, fotografía de Sara García Pérez, alumna do centro. “A imaxe amosa como os aeroxeradores quedan pequenos en comparación cos pasos da tecnoloxía e das mulleres do ámbito STEM”, explicou a estudante, ao que engadiu que “quedan moitos chanzos por acadar, pero axiña chegaremos ao ceo da equidade e a innovación”.

O accésit junior. [Clic para ampliar]

De xeito extraordinario este ano entregouse tamén un accésit na categoría junior á obra Visión de nena de Lúa Berrocal Sánchez. “Esta é a visión que eu tiña con cinco anos da miña nai traballando na mina, unha das poucas mulleres que coñecía de pequena”, tal e como se explica na descrición dunha imaxe realizada por unha nena, Lúa, cuxa nai é enxeñeira xeóloga, e sempre foi para ela “a súa referencia, a súa superheroína”.

Sesión de videofórum

Tras a entrega de premios tivo lugar unha sesión de videofórum coa proxección de La Singla, un documental dirixido por Paloma Zapata no ano 2023 no que se narra a historia da bailaora Antonia Singla, quen, malia quedar xorda ao nacer, con 17 anos revolucionou o mundo do flamenco.