112 estudantes de quince institutos de Vigo e comarca –Cangas, Redondela, Porriño, Salvaterra de Miño, Tui…– participaron o mércores 12 de febreiro na XVI Olimpíada de Xeoloxía 2025, unha proba convocada pola Asociación Española para la Enseñanza de las Ciencias de la Tierra, a Sociedad Española de Geología e o Colegio Oficial de Geólogos, en colaboración con distintos organismos, entre eles a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo, sede viguesa das probas.
O alumnado participante chegou a primeira hora da mañá recibíndoos a directora da Escola, Elena Alonso, que ademais de dar a benvida, tanto a eles como aos seus docentes, desexoulles boa sorte. “Hoxe vai ser un día intenso” díxolles, ao tempo que os animaba a gozar dunha actividade “que axuda a fomentar o interese polos estudos e contidos relacionados coas Ciencias da Terra”. Tamén estivo Alicia López, coordinadora da sede de Vigo da Olimpíada, que desexou que a olimpíada fose para todos e todas as participantes “unha gran festa coa que collerlle gusto á xeoloxía”.
Exame teórico, probas prácticas e múltiples actividades guiadas
Ao longo do día os alumnos e alumnas enfrontáronse a un exame teórico, a unha proba práctica e a unha xincana xeolóxica. Ao tempo que se realizaban estas probas, a Escola diferentes actividades guiadas por persoal docente e investigador do centro, sobre os múltiples ámbitos nos que o coñecemento da xeoloxía é un recurso necesario (Paleo 3D, enxeñaría de materiais, intelixencia artificial para o recoñecemento de minerais…).
Desde o CPI Cova Terreña achegáronse ás probas un grupo de sete alumnas e un alumno, acompañados pola docente Dolores Torres. “Entre outras cousas esta iniciativa dálle ao noso alumnado a posibilidade de que visiten o campus e vexan o ambiente universitario”, subliñou a docente, quen se refire ás olimpíadas como “unha boa aprendizaxe que prepara ao noso alumnado para situacións futuras, sacándoos da súa zona de confort e facéndoos enfrontarse a novos retos”.
Para os docentes do IES San Paio de Tui esta non é unha experiencia nova, levan anos participando nas probas. “É unha actividade moi interesante que une probas individuais e probas por equipos, o que as converte en algo moi atractivo e agradable, tanto para o alumnado como para nós mesmos”, explican Eduardo Barciela e Cristina Martínez.
… e o IES República Oriental do Uruguai, de Vigo, gáñao todo
A xornada finalizou coa entrega de premios aos tres primeiros clasificados, tres estudantes do instituto vigués IES República Oriental do Uruguai: Óscar Naveira Román, primeiro clasificado; Ainara Fernández Lois, 2ª, e Hugo Regueiro Pérez, terceiro. Os tres pasan agora á final da fase española que se levará a cabo o 5 de abril en Tremp (Lleida).
No acto de clausura, conducido pola profesora Raquel Orozco –responsable de Divulgación Científica da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía–, tamén se entregou o premio ao mellor grupo, de novo para os estudantes do IES República Oriental do Uruguai –Óscar Naveira Román, Ainara Fernández Lois, Hugo Regueiro Pérez e Luis Fernando Pérez Pérez– e un accésit para Breixo Lorenzo Pena do IES Ribeira do Louro de Porriño.