O mércores 26 de febreiro membros da comunidade educativa da Escola participaron nunha iniciativa de cooperación coa escola Salem-Ahmed Baricala, situada na wilaya de Bojador, na República Árabe Saharauí Democrática (RASD). A actividade foi proposta por Héctor Santorum “Bujari”, estudante da EME que colabora habitualmente co centro educativo, a quen acompañou Raquel Pérez, investigadora da Escola.


Durante a sesión, impartiuse un obradoiro de combustión de xeito telemático, dirixido á clase da profesora Ahjabha Hamadi, no que participaron estudantes de entre 10 e 14 anos. A metodoloxía experimental permitiu reforzar os coñecementos do alumnado, que o próximo ano iniciará a Educación Secundaria Obrigatoria (ESO). Ademais, o uso de vídeos na aula facilitou a comprensión e o interese do estudantado, ofrecendo unha ferramenta didáctica valiosa adaptada á súa realidade educativa.
A wilaya de Bojador é unha das cinco provincias dos campamentos de refuxiados saharauís en Tinduf, Alxeria, establecidos entre 1975 e 1976. Nestes campamentos, a educación representa un piar fundamental para a resistencia e o desenvolvemento da comunidade saharauí. Iniciativas como esta fortalecen o seu sistema educativo e fomentan a solidariedade internacional, contribuíndo a un acceso máis equitativo ao coñecemento e ao futuro académico do alumnado.