Na mañá do mércores 2 de outubro deu comezo o ciclo de “Conferencias sobre saídas profesionais dos graos”, organizado pola coordinadora de actividades extracurriculares da Escola, Ana Rodríguez.
O obxectivo é dar a coñecer ao estudantado da EME as diferentes opcións laborais vinculadas aos Graos en Enxeñaría da Enerxía e en Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos, a través das experiencias persoais que nos achegan diferentes persoas egresadas.
Nesta ocasión, foi Xandre Costas quen se encargou de compartir co estudantado de primeiro curso a súa experiencia dende que comezou o Grao en Enxeñaría da Enerxía, ata a súa ocupación actual coma investigador no eido das enerxías renovables do Centro Tecnolóxico EnergyLab, e cómo é capaz de compaxinalo cos seus estudos de posgrao no campo da Enerxía e a Sostibilidade.