Os días 15 e 16 de outubro os profesores da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía e do grupo de investigación GESSMIN do CINTECX, Teresa Rivas e Leandro Alejano, xunto con investigadores e investigadoras doutras universidades públicas e do CSIC participaron nunha xuntanza e visita á cova de Altamira, no concello de Santillana del Mar na rexión de Cantabria.
Trátase dun espazo natural, patrimonio da humanidade e un dos emprazamentos de arte rupestre de maior relevancia a nivel mundial. Os dous investigadores da Escola forman parte do grupo interdisciplinario de diagnóstico para a conservación da cova e o xacemento. Este grupo, dirixido polo doutor Fernando Carrera, foi creado co obxectivo de coñecer mellor a contorna da cova e establecer estratexias de conservación a longo prazo do espazo e da arte rupestre.
Nesta reunión e posterior visita revisáronse as circunstancias de conservación da cova e das pinturas rupestres, con especial atención ás condicións ambientais e estabilidade estrutural e tamén á conservación do pigmento.